lunes, 22 de octubre de 2012

Eleccións en Galiza | Unha breve valoración dos resultados


"Tantos séculos de Ofensas e de Esquecemento crean anticorpos no Organismo dun pobo, e esa continua Ofensa da historia xerará no Orgullo deste pobo apracible o destrutivo Osíxeno do Odio, a Obsesión do fracaso e da culpa.(...) Utopía: compaxinar o desexo e a necesidade dous nosos soños."

(Que é Galicia, por Lois Pereiro, un dos poetas galegos máis universais, homenaxeado o Día das Letras Galegas de 2011)


Brais Fernández | Militante de Esquerda Anticapitalista Galega

As eleccións en Galiza arroxaron un resultado deprimente e á vez esperanzador para a xente de esquerdas. O Partido Popular, tras unha lexislatura de recortes sociais, ataques á identidade nacional galega, prácticas corruptas e antidemocráticas, volveu gañar cunha contundente maioría absoluta: dun parlamento con 75 escanos, consegue 41, aumentando 3 deputados con respecto ás eleccións de 2009. Curiosamente, obtén sobre 160.000 votos menos, perdendo case un punto con respecto aos últimos comicios (do 46% ao 45%). O sistema electoral favorece claramente á dereita, ao sobrerrepresentar ás zonas rurais. Tamén se produciron denuncias das xa consabidas prácticas caciquís do PP, documentadas con fotos onde se ve a notorios militantes desta formación levando a anciáns practicamente inválidos a votar, así como o uso da súa tradicional receita capta-votos: viño e empanada á porta dos colexios electorais.

Pero estas cuestións non explican a vitoria de Nuñez Feijóo. A hexemonía da dereita en Galiza de hoxe é incontestábel, construída en base a unhas redes que permiten manter o voto rural ben atado, así como a fidelidade da pequena burguesía urbana e sectores da clase traballadora. Esta hexemonía, como diría Gramsci, significa forza e consentimento, e combínase con formas directas e indirectas de corrupción. O pobo galego, polo menos unha maioría, consentiu hoxe a vitoria do Partido Popular.

Pero non todas as noticias son malas. No campo da esquerda antineoliberal, hai que destacar a espectacular irrupción da Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), que consegue 9 deputados e o 14 % dos votos. Para comprender a magnitude deste resultado, hai que recordar que EU (unha das patas desta coalición xunto a ANOVA de Beiras) sacaran nas últimas eleccións menos dun 1%. Nestes comicios, pasan de 16 mil votos a case 200 mil. A carismática presenza do histórico líder nacionalista Xose Manuel Beiras, unha campaña electoral próxima á rúa, cun discurso moderno, hábilmente unitario e nítidamente de esquerdas, a súa receptividade e empatía coas preocupacións da mocidade urbana e dun sector da clase traballadora, foron determinantes nesta subida. Para situar as bases sociais que apoiaron a AGE, non hai mais que ver os resultados que cultivan na Coruña e Compostela, onde conseguen dar o "sorpasso" ao PSOE, superando o 20% dos votos. En Vigo, a outra gran cidade, consegue tamén case o 20% dos sufraxios. AGE convértese así nun novo actor político fundamental en Galiza, cos retos de continuar aumentando as súas bases de apoio e transformar a ilusión e apoio recibido en mobilización contra a austeridade e os recortes.


A outra forza da esquerda antineoliberal galega, o Bloque Nacionalista Galego , sofre unha forza baixada nos seus apoios, pasando dos 270 mil votos en 2009 (16%) a 145 mil (10%), pasando de 12 deputados a 7. A campaña de BNG non conseguiu conectar cunha boa parte dos seus tradicionais votantes: un nacionalismo desarrollista, centrado na idea de producir en Galiza, un discurso autorreferencial que tratou máis de reagrupar ás súas filas tras a escisión de Beiras que de expor unha alternativa ampla. A súa pésima xestión do discurso da "unidade da esquerda" fíxolles aparecer ante boa parte dos seus tradicionais votantes como un partido sectario e illado da cotidianeidad da maioría social. Parece que o fracaso do bipartito aínda pesa moito e que o BNG aparece ante amplas capas do pobo de esquerdas como un partido de xestión do réxime. O BNG ten o reto de recolocarse nun novo panorama no cal xa non é a forza hexemónica da esquerda a nivel do votos (aínda que sí en numero de militancia), cunha preocupante perdida de conexión coa mocidade urbana. As declaracións de Jorquera, candidato do BNG á Xunta de Galicia, tras coñecer os resultados, non parecen rectificar a liña adoptada tras a última asemblea. Culpou do descenso do BNG á crise interna sufrida e a unha estratexia do PP de "retroalimentar" a AGE: "mirade que os mellores resultados de Beiras sempre coincidiron cos mellores resultados do PP". O Bloque segue sendo un actor político esencial na esquerda galega, pero a situación actual colócalle ante novos retos. Como se di coloquialmente, "iremos vendo".

O PSOE continúa co seu descalabro, perdendo 11 puntos e pasando de 525.000 votos a 293.000 (de 25 a 18 deputados). O seu discurso cínico, que parece esquecer que foi un dos principais responsables da crise-estafa que hoxe se vive en todo o Estado español, non lle axuda a recuperar credibilidade. O seu futuro, lonxe de ser o de Hollande, parece condenado a acabar como o PASOK grego. A suma dos votos da esquerda antineoliberal (AGE e BNG) supéraos por mais de 55.000 votos.

O panorama galego segue expondo fortes retos para a esquerda. Deconstruir a hexemonía social da dereita segue sendo o primeiro. Estas eleccións non son o final de nada: teñen que ser o principio dun ciclo de mobilizacións que consiga que o PP, o partido dos caciques, dos empresarios e do nacionalismo español, deixe de ser o vencedor absoluto nas urnas.

Anexo: algunhas frases e datos sobre os resultados.

-A abstención sobe un punto con respecto ás leccións anteriores (do 35% ao 36%).
Os partidos do réxime (PP e PSOE) perden máis de 400.000 votos (250.000 e 11 puntos o PSOE, 160.000 e un punto o PP). A esquerda antineoliberal (AGE e o BNG) sobe 50.000 votos, pero queda aínda a uns 60.000 dos case 400.000 votos do BNG en 1997.

-Nas "sete cidades", o PP perde 48.000 votos, o PSOE 72.000, o BNG cae 40.000 e AGE gaña 80.000.

Son os terceiros mellores resultados a nivel de votos da esquerda nas eleccións galegas: 1997 - 410.000 (26%) 2001 - 360.000 (24%) e agora 350.000 (24%).

-O candidato de Libertad Digital, Mario Conde, conseguiu 15.000 votos e o 1,1% dos sufraxios.

-UPyD continúa sendo un partido marxinal: 20.000 votos e un 1,5%.

Votos e porcentaxe dos 4 partidos con representación parlamentaria (entre paréntese os resultados das eleccións anteriores, en 2009)

PP: 653.934 votos (789.427) 45,72% (46,68%)

PSOE: 293.671 votos (524.488) 20,53% (31,02%

AGE: 200.101 votos (16.441, EU en solitario) 13,99% (0,97% , EU en solitario)

BNG: 145.389 votos (270.712) 16,1% (10,16%)

No hay comentarios:

Publicar un comentario