Novidade editorial na serie "Crítica & Alternativa" coa publicación do libro "Breve manual para romper con el capitalismo" (A doenza infantil do 'esquerdismo' no comunismo) de Vladímir Ilich Lenin.
Esta é se cadra a principal contribución teórica de Lenin sobre os problemas específicos da revolución nos países occidentais e sintetiza as súas controversias coa corrente “esquerdista” dos nacentes partidos comunistas dos anos 20, en particular na Alemaña, Italia e Gran Bretaña. Identifica as causas das derrotas dos procesos revolucionarios que estouraron en Europa tras a Primeira Guerra Mundial ao calor da Revolución de Outubro e que puxeron en destaque as debilidades e os erros da esquerda revolucionaria da época. Como moi ben apunta no prólogo François Sabado, Lenin alerta tamén contra unha modelización da Revolución bolxevique, insistindo nas especificidades do caso ruso: unha situación de dobre poder sen parangón noutros países; unha gran descomposición do exército tsarista; o peso do Partido Bolxevique no proceso revolucionario; a ausencia de grandes sindicatos de masas e de “ilusións democráticas” propias dos rexímenes parlamentarios... A idea forza que debulla Lenin é que as grandes masas desenvolven a súa conciencia política fundamentalmente a partir das súas propias experiencias na loita de clases e non apenas mediante a propaganda e que sen unha influencia maioritaria dos comunistas no movemento obreiro será imposíbel unha revolución triunfante en Occidente. A conquista das maiorías sociais polos revolucionarios implica dominar todas as formas de loita (legais e ilegais, parlamentarias e extraparlamentarias, pacíficas e violentas…) e aproveitar todos os eidos que brinda a democracia burguesa (eleccións, parlamentos, etc.) para facer avanzar a conciencia anticapitalista, sen esquecer un traballo sistemático nas grandes organizacións sindicais (aínda que estean baixo control de burocracias reaccionarias). Asemade, para este fin propón conxugar a intransixencia sobre cuestións de principio coa necesidade de articular políticas unitarias que fortalezan a influencia dos anticapitalistas en base a un avance e unha articulación política dos movementos sociais, algo que a miúdo obriga a acadar compromisos cos oportunistas. En fin, Lenin insiste na análise concreta da situación concreta e en non confundir o estado de ánimo e o nivel de conciencia das minorías radicalizadas co das masas, algo fundamental para analizarmos correctamente a evolución das correlacións de forzas e descifrar as chaves da situación política.Se ben este escrito “clásico” de estratexia revolucionaria é xa case centenario, é realmente sorprendente constatar até que punto son dunha gran actualidade moitas das súas reflexións á vista das revolucións árabes e da rebelión popular en curso no sur de Europa.
Podedes realizar os vosos pedidos a contacto@anticapitalistas.org ao prezo de 5€ + gastos de envío.
No hay comentarios:
Publicar un comentario