lunes, 26 de noviembre de 2012

25N: os recortadores recortados...e un cabalo de Troia dentro do Parlament!


Declaración de Revolta Global - Esquerra Anticapitalista



Os resultados do 25N mostran claramente que Artur Mas fracasou no seu intento de obter unha "maioría excepcional". A pesar da súa hábil tentativa de encabezar a dinámica aberta do 11S e de presentar as eleccións como un plebiscito que fixese esquecer a política de recortes, CIU retrocedeu 12 deputados. Gran parte do electorado non se deixou manipular por esta operación, identificando a CIU como o partido dos recortes, fiel ao mundo dos negocios, e como unha forza que nunca quixo unha ruptura real co actual marco constitucional.

Un dos feitos políticos máis relevantes do 25N é a profundización da crise do PSC, que cos seus 523.333 votos (14,6%) cae ao mínimo histórico. Sen un proxecto críbel nin no terreo social nin no nacional, o PSC é o vivo expoñente de como a socialdemocracia atravesa unha crise histórica motivada pola súa supeditación extrema ao poder financeiro e aos seus ditados.

O ascenso do voto españolista, co aumento de votos do PP a pesar dos recortes de Rajoy e o gran crecemento de C's, mostra como o desenvolvemento dun movemento independentista sen contido social abre as portas á demagoxia españolista e a un perigo potencial de polarización social pola cuestión nacional nun contexto onde os sindicatos e partidos de esquerdas tradicionais perderon moitos dos seus vínculos cunhas clases traballadoras fragmentadas e desestructuradas. Unha vez máis a necesidade de articular a defensa dos dereitos nacionais cataláns e a mellora das condicións de vida da maioría da poboación aparece como unha cuestión estratéxica crucial para pechar o paso á demagoxia de C's e PP. Cuestión social e cuestión nacional deben ir irresolubelmente ligadas.


ICV-EUiA aumentou considerablemente o seu número de votos, pero o seu crecemento non representa un salto cualitativo. A pesar do apoio de Alexis Tspiras, froito das relacións internacionais de EUiA, o ton da campaña de ICV-EUiA foi frouxo, limitándose a unha crítica aos recortes e aparecendo como un partido convencional inserido no sistema tradicional de partidos e recordado polo seu pasado xestionario. As propostas sobre unha "Syriza catalá" lanzadas por EUiA fai uns meses, que hai que seguir discutindo e tomarse en serio, perderon visibilidade no proceso electoral.

A irrupción das CUP-Alternativa d'Esquerres, que os e as anticapitalistas debemos celebrar, é a gran novidade dentro do panorama da esquerda. Nunca ata agora unha forza de esquerdas situada á marxe dos partidos tradicionais e cun programa de ruptura conseguira un éxito comparábel. As CUP-AE chegou ao Parlamento cunha campaña cun marcado perfil rupturista anticapitalista e democrático radical e cun amplo abanico de soportes que van moito máis alá da esquerda independentista, que incluíron á esquerda anticapitalista organizada, ao municipalismo alternativo e a moitos sectores da esquerda social. O gran reto agora é xestionar colectivamente este éxito. Por primeira vez moitos activistas sociais comprometéronse cunha alternativa política. Trátase de que este non sexa un compromiso efémero senón o inicio dun amplo proceso de repolitización social e de organización. A vontade declarada de facer de "cabalo de Troia" das clases populares no Parlamento debe rexer o labor parlamentario das CUP-AE e debe permitir visibilizar a posibilidade de facer política doutro xeito, desprofesionalizada e en sintonía cos movementos sociais.

O gran reto de fondo da esquerda catalá é construír unha forza que poida chegar a ser maioritaria na sociedade e derrotar as forzas da austeridade que nos afogan día a día. Esta alternativa só será froito da confluencia de moitas organizacións e vontades, nun proceso do que estamos xusto ao principio. A crise provoca unha crecente perda de lexitimidade do sistema político e das grandes formacións políticas. Hai que profundar esta dinámica e facer estoupar o actual sistema de partidos.

As dúas forzas principais da política catalá, CIU e PSC, suman entre ambos só un 45% dos votos, menos da metade, e se engadimos o PP a porcentaxe só chega ao 58%. Cada vez está máis claro que hai un rexeitamento crecente aos partidos maioritarios que son o alicerce do actual réxime.

A próxima lexislatura estará marcada pola inestabilidade, con crecentes ataques do aparello de Estado e político-mediático español contra a celebración da consulta soberanista, cunha profundización da crise económica e un case seguro rescate total no Estado Español. A oposición aos recortes que Mas e Rajoy preparan para o futuro debe comezar desde xa, así como a esixencia de que a consulta soberanista, en tanto que acto democrático, se convoque canto antes e non haxa manobras por parte de Mas para dilatala no tempo. Relanzar a mobilización social e non dar tregua ao novo goberno de CIU, este é o desafío que temos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario