domingo, 1 de abril de 2012
Crónica da Folga Xeral en Vigo
A xornada do 29 de marzo supuxo en Galiza en xeral e, en Vigo a súa comarca en particular, un importante salto adiante na loita contra a ofensiva antisocial do goberno do PP. Na sede da CIG, contra as 11 da noite comezou a planificación da acción dos piquetes. Nunha decisión acertada, CCOO, UGT e CIG decidiron repartirse a cidade por zonas: o centro, para os piquetes de UGT, Traviesas e Balaídos para CCOO e O Calvario e Travesía para a CIG. Ó darse ás 12 da noite comezou o paseo dos 300 piquetes convocados pola CIG, constatando coa excepción dalgún establecemento de hostelería, o peche xeralizado dos negocios. O porto paralizou completamente a súa actividade, non abriu a lonxa e non houbo descargas.
Ás 4 da madrugada había unha cita importante, a entrada do turno de noite da factoría PSA Citröen, que a empresa decidira adiantar. O forte dispositivo policial, con máis de 100 efectivos que formaron unha barreira humana, protexeu o acceso dos poucos esquirois que se achegaron ao traballo. O número de operarios foi tan reducido que a cadea de montaxe da primeira fábrica de Galiza tivo que parar, adicándose este traballadores a tarefas de mantemento. A industria quedou totalmente paralizada, tanto na cidade coma nos principais polígonos industriais da comarca. Os catro asteleiros que manteñen actividade tamén pararon completamente, así coma a construcción. Ás 9 da mañá partiu unha manifestación unitaria de automoción que foi pechando os centros comerciais que tentaron abrir.
A partires das 11 deu comezo a primeira das 3 manifestacións convocadas por separado e en horas distintas: a de CUT e CGT por unha banda, a de UGT e CCOO pola outra e a de CIG pechando a xornada. Este é un dos borróns da folga, a incapacidade das direccións sindicais para confluir nunha mesma hora e nun mesmo percorrido. Unha falla de unidade que impediu visibilizar ainda máis a resposta masiva contra a reforma laboral nunha soa manifestación con centos de milleiros de traballadores e traballadoras nas rúas. Foi unha mágoa que, a pesares das conversas que propoiciaron asembleas conxuntas nos centros de traballo, non se trasladara esta unidade ás rúas. Aínda así, as cifras foron brutais,: entre 100.000 e 85.000 na de CCOO e UGT, 80.000 na de CIG e 15.000 na de CUT e CGT. Foi sen dúbida, a maior manifestación obreira na historia de Galiza. Antes do seu inicio, veíase confluir milleiros de persoas dirixíndose dende tódolos puntos ata o incio dos percorridos. Era imposible atopar aparcamento.
Os militantes e simpatizantes de Esquerda Anticapitalista Galega participamos na manifestación da CIG cunha pancarta: "Pasemos á ofensiva. Cambiemos o mundo de base." Ao pouco de comenzar a camiñar a cabeceira xa chegara ao punto de remate, o que dá idea da dimensión da mobilización. Moreas e moreas de persoas desperdigáronse pola cidade ao remate das amnifestacións.
Pero á folga non rematara. Pola tarde, un piquete unitario encargaríase de recordar aos despistados que a folga xeral duraba 24 horas. A boa noticia é que o piquete estaba conformado por CCOO, UGT e CIG. Esta recuperación da unidade de acción redundou nun ambente cheo de entusiasmo e combatividade que derivou nunha manifestación de máis dun milleiro que tomou á tardiña as rúas do centro de Vigo. Pechamos algunas tendas de Príncipe, El Corte Inglés, que abrira pola tarde, e o Centro Comercial A Laxe.
Concluía así unha xornada histórica, que pon enriba da mesa a necesidade da unidade de acción para loitar contra as agresións do goberno do PP. Moitos pensamos que isto é só o comezo, a mobilización só acaba de arrancar e agora cómpre darlle continuidade e forza ascendente a este pulo inicial.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario