O paraíso deixou de existir. O bosque atlántico máis importante da nosa terra convertiuse en folerpas de cinsa que caen sobre Ferrol e A Coruña. As fragas do Eume, un ecosistema único creado durante séculos pola pacente man da Natureza, despareceron para sempre, vítimas do lume da cobiza e a incompetencia. O desastre é equivalente á maré negra do Prestige. É coma se as illas Cíes foran tragadas polo mar para sempre. Coma se a catedral de Santiago fora derrubada para especular co solo. Unha vez máis(Urquiola, Mar Egeo, Prestige, vaga de lumes de 2006), mexan por nós e dicimos que chove.
Pero, unha vez iniciado o incendio, a actuación da Xunta do PP foi catastrófica, lembrando os peores momentos da xestión do desastre do Prestige. Primeiro, o silencio informativo. 14 horas despois de iniciado o incendio, non había ningún comunicado oficial. Os informativos da TVG e Radio Galega silenciaron tamén o alcance do lume. Mentres as lapas cercaban o mosteiro de Caaveiro, o presidente Feijoó estaba desaparecido. Que diferenza coa rapidez coa que apareceu na vaga de lumes de 2006 para, heroicamente armado cunha mangueira, apagar el só un pavoroso incendio dó que só restaban rescoldos.
A carencia de medios foi patente dende o principio. Os recortes nas brigadas antiincendios e nos medios de prevención levados a cabo por Feijóo dende á súa chegada á Xunta xa foran denunciados fai 4 días por compañeiros do brigadista morto esta semana nun incendio en Ourense: “"El personal está sobresaturado y cansado, está trabajando muchas más horas, porque hay menos brigadas que en verano". Á escaseza de medios humanos(non se cubren xubilacións) únese á de medios materiais(motobombas fóra de uso por non pasar a ITV). Os recortes dos que tanto presume Feijóo non só están a deixar abandonados á súa sorte ós menos favorecidos( non renovación da tarxeta sanitaria aos parados), senón que están a propiciar unha grave catástrofe mediomabiental. No que vai de ano, xa arderon máis hectáreas que en todo 2008. 400 lumes en 4 días demostran que o desmantelamento dos programas de prevención de incendios en setembro foi prematuro. Non estrana deste xeito, que a Xunta tivera que recurrir á Unidade Militar de Emerxencia, con sede en León! Para máis inri, chegaron á noite ao Eume sen nengunha instrucción de intervención, polo que peramenceron inactivos toda a noite, perdendo unhas horas preciosas. Foi a crónica dunha catástrofe anunciada
Mais a indignación contra a Xunta esténdese con maís rapidez que as lapas. Este luns centos de persoas sairan á rúa en diversas concentracións nas cidades galegas para denunciar a falta dunha política de prevención e un modelo de xestión do monte que favorece ás grandes madeireiras. Ante esta traxedia, provocada polo capitalismo depredador e agudizada pola irresponsabilidade dos recortes en prevención e extinción, a sociedade galega volverá a erguer o berro de NUNCA MÁIS.
No hay comentarios:
Publicar un comentario