jueves, 14 de junio de 2012

15-Mineiros


[Traducción do artigo de Jorge Moruno, tomado do seu blog http://larevueltadelasneuronas.com/]

“Nós non somos o 15M, nós non somos pacifistas, viñemos a por todo. Non temos medo, somos mineiros”.
Boneco Rajoy pendurado nun pozo mineiro en Asturies

A folga mineira indefinida emprendida polo sector mineiro por mor da diminución das subvencións nun 63%, xerou toda unha serie de controversias, non pola folga, senón pola confluencia de distintos actores. Os mineiros son unhas desas comunidades tradicionalmente obreiras, herdeiras das formas gremiais polo que, o traballo non só é un medio de vida, senón unha forma de vida que impacta máis aló do emprego. Abrangue o control das formas culturais, a herdanza transmitida de pais a fillos e a aprendizaxe dunha actividade que dificilmente pode descentralizarse e dividirse. Os mineiros traballan xuntos en tarefas complicadas e de risco, onde a confianza no outro é indispensable para garantir a seguridade. Visten os mesmos uniformes que posibilitan a súa identificación como unha unidade infranqueable, arrastran unha memoria de loita encomiable e habitan os mesmos territorios que viran ao redor da mina. A propia xeografía do campo de batalla significa a propia extensión da mina. É no monte onde se senten máis cómodos, como en casa, fronte a uns antidisturbios máis ridículos do normal que pastorean entre as cabras ataviados con cascos.

Hai toda unha memoria construída, un habitus consolidado, que diría o sociólogo Pierre Bourdieu. É dicir, non só contan cun “sistema de disposicións durables e transferibles”, de estruturas que estruturan. Tamén arrastran un saber-facer integrado na propia identidade mineira que se mama desde pequeno, desde a sociabilidade primaria. O habitus, é algo sobre o que un non se adoita preguntar, pero que automaticamente os actos responden de forma tácita e adecuada. Na propia descrición do mineiro, vén incluído o corte de estradas. O seu repertorio de acción colectiva, a forma na que constrúen as súas demandas, leva asociada a imaxe do encarrapuchado e a dinamita. Ninguén, ningún xornal ousa acusarlles de “antisistema”, precisamente porque todo o mundo interpreta a súa actuación como algo normal nos mineiros, mesmo aos que non lle gusta. Non poden criminalizar as súas protestas da mesma forma que se faría noutro ámbito.


Unha lectura meramente estética da política e o conflito, condúcenos a intervir no debate de forma visceral, asociando postais idealizadas a conxecturas que son froito do imaxinario construído na cabeza. De aí xorde a tendencia a querer comparar ao 15-M cos mineiros, coma se a acción dun excluíse ao outro, ou coma se se puidesen mimetizar ámbolos dous escenarios. Os mineiros nun principio, utilizan ferramentas e métodos moi duros, propios de altos niveis de enfrontamento, para reclamar condicións laborais ou para impedir o desmantelamento da mina. Trátanse nun principio, sobre todo de loitas á defensiva, que buscan resistir no existente, non en demandar outro posible. O uso da violencia non sempre leva aparellada unha radicalización das demandas e viceversa, o non uso da violencia non implica unha debilidade.

Isto non é unha crítica aos mineiros, para nada, eles fan moi ben; é unha crítica aos que ven neles -desde o onanismo exterior-, os encargados de comandar unha revolución por imperativo case divino, sen comprender a complexidade da conxuntura. O imaxinario erótico do mono azul busca “loitas puras” e adoita falar por boca dun Lenin, que pouco ten que ver co revolucionario de 1917. Como dicía Óscar Wilde, “pódese admitir a forza bruta, pero a razón bruta é insoportable”. Calquera escusa serve para reflotar un estalinismo inocuo onde a historia xa está escrita e só fai falta que se despregue cara atrás. Marx vacínanos ante este manexo das paixóns tristes, apuntando que, “na loita contra eles a crítica non é unha paixón da cabeza senón a cabeza da paixón”.

Lección de Marx, que tamén lle pode servir á comisión de medio ambiente de Acampada Sol. Un comunicado pouco astuto politicamente que non considera os tempos e as necesidades. Autista en expor temas de forma moral e non política, sen considerar a dimensión social que ten a minería sobre as comarcas e localidades dependentes dela. Non se trata de reivindicar ao carbón e a mina como práctica en si mesma, como de apoiar aos mineiros. Non se pode derrubar dunha plumada toda unha estrutura, porque é contaminante, sen antes ofrecer opcións que permitan ás súas xentes ter vidas dignas. A vida na mina é moi dura para quen ten que baixar, ninguén reivindica o sufrimento nin a propia mina, pero si os efectos que ten sobre a comunidade. Ata que non poidan conxugarse dignidade sen sufrimento de carbón negro, non se poden pechar. O respecto ambiental non pode desvincularse das realidades sociais e materiais do terreo no que se inclúen.

Moi ao contrario, por proximidade xeográfica, por herdanza cultural e familiar, o 15-M de Oviedo ofrece outro tipo de formulacións politicamente moito máis interesantes. Non se limitan a dar o seu apoio aos mineiros con actitude subalterna e servil, senón que expoñen a necesidade de conectar varias realidades. Empuxan aos mineiros a situar a súa loita laboral dentro dun marco máis amplo que inclúa a precarios e precarias, pensionistas, parados, ou sector público, entre outros. Unha multitude de vivencias fragmentadas pero que poden comunicarse por unha palabra común, onde a existencia dun non exclúa ao outro. Só hibridando, e mesturando, as loitas poden chegar a desbordar ao réxime, dentro e fóra do emprego.


Non fai falta que os mineiros sexan o 15-M, nin que estes sexan como os mineiros, na coordinación da diferenza reside a forza, polo que hai que buscar un equilibrio entre os distintos intereses de dous mundos que conviven no mesmo tempo. Unha nova racionalidade que teña en conta á comunidade no seu conxunto, porque pola contra, a mina desaparecerá pola porta de atrás: nun goteo constante de mozos precarios que emigran a Madrid, baleirando de vida e talento á rexión.

É posible que ampliando o alcance da protesta en número e en radicalidad, ao redor das tres patas desde onde se apoia a acumulación capitalista, se poida construír unha alternativa: O negocio especulador ao redor da vivenda, a ineficacia do emprego como garantía social e económica, e o déficit democrático que imposibilita a dignidade no resto de ámbitos vitais. Construír a universidade da mina, facer da universidade un campo de minas e entre medias o transporte bloqueando a cidade. Organizando politicamente non pagar a falsa débeda, esixindo o que é de todos e para todos: casa, renda, democracia.

Puxa Asturies!

No hay comentarios:

Publicar un comentario