["Publicamos a declaración dos nosos compañeiros británicos de Socialist Resistence sobre a situación en Grecia. Hoxe é máis importante que nunca refundar un novo internacionalismo, capaz de apoiar as loitas dos pobos que loitan contra a dominación capitalista, asi como aprender das experiencias que nos deixa a esquerda radical grega.]
O impresionante resultado de Syriza nas recentes eleccións
sacudiu ás clases dominantes gregas e europeas desde os seus cimentos. Foi un
rexeitamento total do paquete de austeridade, sobre bases progresistas, por un
60% do electorado, e creou non só a maior crise, senón a confrontación de
clases máis significativa en Europa desde a Revolución
Portuguesa de 1974.
O voto combinado da esquerda foi do 27%, con Syriza gañando o
17%, o Partido Comunista de Grecia (KKE) gañando o 8%, e a Fronte da Esquerda
Anticapitalista grega (Antarsya) o 1,2%. Se engadimos outro 6% que votou pola
Esquerda Democrática (unha escisión pola dereita de Syriza que está en contra
dun rexeitamento total da austeridade porque cre que Grecia sería expulsada do
euro e por tanto só quere suavizar as medidas) o voto á esquerda do PASOK
estivo próximo a un terzo do electorado. A incapacidade de calquera partido
para formar un goberno resultou na convocatoria de novas eleccións polo
Presidente da República para o próximo 17 de xuño, e un goberno interino foi
formado, liderado por un alto maxistrado xudicial, Panagoiotis Pikramenos.
Antes das eleccións, Syriza foi a única organización que
chamou por un goberno e un programa unitarios contra a austeridade se a
esquerda gañaba. Syriza rexeitou decisivamente a austeridade e as condicións do
rescate impostas en marzo pola Troika. Alexis Tsipras denominou ao plan de
rescate de 130 mil millóns de euros “un acordo de pobreza e miseria”.
Tras os resultados (ofrecéndose á esquerda grega unha
oportunidade única para formar gobernó) Syriza buscou de novo a unidade da
esquerda e do movemento obreiro, achegándose ás outras formacións de esquerdas
e aos sindicatos para tentar formar xuntos un goberno das forzas progresistas
contra a austeridade. Pero isto foi rexeitado dunha maneira sectaria.
A pesar disto, recentes sondaxes de opinión suxiren que as
novas eleccións poderían ter como resultado
que Syriza se convertese no maior partido e posiblemente formase goberno. Isto non está garantido, pero as
presións sobre Syriza significan que a clase dominante e o establishment
político temen unhas novas eleccións. As elites da UE deixaron claro que farán
das novas eleccións un referendo sobre o euro, pero que unha segunda votación
contra a austeridade significaría a expulsión de Grecia do euro. A masiva
presión interna e internacional está a ser aplicada ao redor deste ultimatum -
e desde agora até as eleccións só se incrementará. Esta campaña impulsou á dereitista Nova Democracia, que está agora
pelexando cóbado con cóbado con Syriza nalgunhas enquisas.
É importante que este ultimatum sexa rexeitado e que a
ofensiva da austeridade sexa confrontada. Os traballadores gregos non deben
tomar ningunha responsabilidade pola débeda. As demandas do programa de Syriza
son imperativas nesta conxuntura.
Mentres tanto, moitos gregos, a maioría de clase media,
comezaron xa a retirar milleiros de millóns de euros dos bancos gregos
(retirando 3 mil millóns de euros desde as eleccións e investindo en refuxios
máis seguros, especialmente en bonos alemán). Isto fixo crecer os temores de
quebra dos bancos mesmo antes dos resultados dunhas novas eleccións, con serios
temores de que os bancos queden sen liquidez monetaria e a posibilidade dunha
saída de Grecia do euro no curto prazo. No momento que escribimos, foi aplicada
unha crucial inxección de 18 mil millóns de euros para estabilizar os bancos
gregos (todos os bancos gregos están baixo un sistema de apoio vital xestionado
polo BCE)?.
Ten un gran crédito que Syriza e a súa dirección mantivesen
o tipo contra a presión masiva en todas as frontes que foi arroxada contra
eles. O programa electoral de Syriza é un programa de acción radical
anticapitalista, que será unha base esencial se eventualmente forman goberno.
Inclúe:
Moratoria no pago da débeda.
Incremento dos impostos aos ricos e radical redistribución
dos ingresos e a riqueza.
Nacionalización / socialización dos bancos e a súa
integración nun sistema bancario público baixo control obreiro e social. A
nacionalización de todas as empresas públicas privatizadas de importancia
estratéxica.
Administración das empresas públicas baseada na
transparencia, no control social e a planificación democrática.
Transformación ecolóxica do modelo de desenvolvemento
incluíndo enerxía, industria manufacturera, turismo e agricultura.
Emprego seguro, ben pago e ben regulado, restauración do
salario mínimo e dos convenios colectivos, oposición aos peches de empresas,
subsidio de desemprego indefinido, sanidade, vivenda e acceso a todos os
servizos públicos.
Control e reducións de prezos.
Introdución da democracia directa e institucións de
autoxestión baixo control social e obreiro.
Mellora dos dereitos da muller e a mocidade na familia, as
empresas e a administración pública.
Inclusión social dos inmigrantes e protección igualitaria de
dereitos.
Restauración das pensións e do sistema universal de
seguridade social.
Sanidade gratuíta e universal, educación pública e gratuíta.
Fin das exencións e paraísos fiscais.
Saída da OTAN e peche das bases militares estranxeiras.
O manifesto conclúe cunha declaración de que o sistema
social e económico actual fracasou e que debe ser derrocado! Continúa
afirmando: “Reclamamos un novo modelo de produción e distribución da riqueza,
un que inclúa á sociedade na súa totalidade. O noso obxectivo estratéxico é o
socialismo con democracia, un sistema no que todos estean habilitados para
participar no proceso de toma de decisións.”
Este é un programa que coloca a Syriza en boa posición para
os retos que virán se gañan as eleccións. A cancelación da débeda será de
crucial importancia se un programa así chega a ser aplicado.
Syriza é acusada de ambigüidade sobre o euro porque non reivindica
a retirada. O feito é que, con todo, están a afrontar unha situación
contraditoria entre a poboación. Mentres que unha gran maioría está contra a
austeridade, tamén está a favor de permanecer na eurozona (o que son dúas aspiracións
mutuamente incompatibles). Syriza enfrontouse correctamente a esta situación co
que é esencialmente unha aproximación transicional. Non reclaman a saída do
euro pero afirman que non farán ningún sacrificio por el. Entón avanzan toda
unha serie de demandas, que son incompatibles coa pertenza á eurozona. Isto pon
a pelota no tellado das elites da UE. Se queren a Grecia fóra do euro teñen que
expulsala del.
Tsipras tamén afirmou que a ameaza de aceptar máis
austeridade ou saír da eurozona foi un farol, liderado por Berlín, que non
ocorrería porque a eurozona ten moito que perder. É unha clara referencia á
ameaza de contaxio dentro do sistema bancario, que probablemente levaría a
Portugal e ao Estado español á saída do euro e ao posible colapso do euro en
si, cos rendementos dos bonos índose polas nubes. Isto levaría á recesión.
Merkel chamou mesmo a un referendo específico sobre o euro que se celebre xunto
ás mesmas eleccións! A división está a abrirse paso no entanto entre os
economistas e dentro das direccións políticas europeas, con moitos argumentando
que a Unión Europea non pode afrontar ou permitir a Grecia saírse. Isto podería
prover a un goberno liderado por Syriza, segundo Tsipras, unha poderosa
posición negociadora. Con todo, un novo Plan Marshall para apontoar a Grecia e
a Europa meridional representaría un custo masivo e totalmente custoso a medio
prazo para Alemaña, o que parece improbable. Sería imprudente asumir que iso
sucederá. É moito o que está en xogo. O que é moito máis probable é que Merkel
cruzará a liña e serán tensadas todas as cordas para aterrorizar á poboación
grega e que vote polos partidos do establishment o 17 de xuño.
Con todo, hai ambigüidade na posición de Syriza, que mentres
presenta un programa anticapitalista radical contra o rescate e a austeridade,
Tsipras tamén chamou a negociacións para reformar o euro e a UE. Unha posición
de non reivindicar a ruptura co euro non é un problema político se Syriza e os
seus partidarios están totalmente preparados para unha eventualidade así. Para
avogar polo repudio da débeda, efectivamente tes que estar preparado para a
expulsión da eurozona como unha consecuencia probable. Esta aproximación
necesita ser posta en primeira liña na campaña electoral se se quere que o
electorado estea armado contra as ameazas e ultimátums que afrontará.
Nesta situación, nacionalizar os bancos, impor controis ao
capital, gravar e recadar impostos aos ricos, cancelar a débeda pública
interna, conxelar os activos dos ricos para impedir que sexan evadidos fóra do
país, serán medidas urxentes e necesarias.
Estas son demandas do programa de Syriza que deben ser
aplicadas ao principio de calquera estancia no goberno, para que o novo
gabinete poida pagar aos empregados públicos, as pensións, e máis importante,
para controlar inmediatamente o fluxo de capital e protexer a Grecia das
manobras das finanzas internacionais. A nacionalización dos bancos permitirá ao
goberno deter a quebra dos bancos, rodear ao sistema financeiro e cancelar
internamente a débeda pública, que é a maioría da débeda pública grega. Estas
son as medidas necesarias para comezar a contraatacar contra os estragos da
austeridade.
Outras medida son tamén importantes, como abrir os libros de
contas das empresas privadas, a nacionalización baixo control obreiro das
compañías que provoquen despedimentos, as ocupacións de fábricas e a
construción de comités de apoio locais, que están xa emerxendo, compartindo o
traballo equitativamente entre todos aqueles que queren traballar (compartindo o
traballo sen perda de salario). Debería comezar a acción para recuperar os
billóns de euros que a clase dominante sacou xa do país.
Se se implementasen estas medidas acenderíase unha explosión
internacional, e habería un efecto dominó en todas partes. Hai un considerable
temor ao contaxio no sistema bancario europeo nun momento no que o cortalumes
designado para rescatar a outros bancos, especialmente no Estado español e
Italia, non está aínda totalmente provisto de fondos (isto podería ter como
resultado o colapso do euro). Un furacán podería ser desatado para derrubar a
un novo goberno de esquerdas en Grecia. Consecuentemente, necesitarase unha
masiva mobilización da clase traballadora grega e da solidariedade
internacional.
Un goberno de Syriza debería prepararse para unha posible expulsión
do euro e para unha devaluación mediante o lanzamento dun plan para tomar todas
as medidas necesarias para protexer á clase traballadora. Unha reintroducción
do dracma nestas circunstancias, é dicir, sobre bases capitalistas, non será
fácil para a clase traballadora grega, pero permitirá a Grecia ter algún
control sobre as taxas de cambio. Economías máis débiles como Grecia e
Portugal, tras entrar no euro, convertéronse en non competitivas debido a
herdar repentinamente unha divisa máis forte. Unha parte importante das súas
crises provén da pertenza ao euro.
Baixo o euro establecido para todos, as economías máis
débiles non poderían competir con Alemaña, levando ao declive industrial e ao
desemprego, pero ao mesmo tempo o crédito era barato, animando a un crecemento
masivo da débeda privada e persoal nestes países (capacitándolles para comprar
bens alemán). En efecto, a economía alemá está a ser subsidiada pola taxa única
de cambio, permitíndolle descargar os seus bens en países como Grecia e
Portugal.
Outra importante demanda que fixo Syriza é acabar coa
evasión fiscal. Esta dáse nunha escala masiva e sería difícil parala
rapidamente debido aos atrincheirados sistemas de patronaxe. Necesitaríase unha
autoridade fiscal reestruturada para recadar impostos eficientemente. Esta
política é esencial, para tomar medidas drásticas contra a evasión fiscal e a
corrupción, e cancelando os pagos da débeda eliminaríase por si só o déficit
grego.
Un goberno liderado por Syriza que leva a cabo esta política
para restaurar pensións, tería que prover unha alternativa para a xubilación a
través da nacionalización do sistema de pensións e creando a provisión gratuíta
de todas as necesidades básicas tras unha certa idade. Isto sería posible
mediante a compensación polas perdas por defaults dos bancos gregos e fondos de
pensións, ao manterse a maior parte da débeda pública internamente. Isto, en
cambio, abandonaría unha proporción máis pequena da débeda dos bancos
estranxeiros, e fondos de pensións e seguros. A fiscalidade alta aos ricos e
corporacións son así mesmo importantes neste punto.
Facer default sobre os pagos da débeda e abandonar o euro,
como resultado, será esencial para pór final aos ataques da austeridade,
impulsar as exportacións, levantarse da carga dos pagos da débeda, permitindo á
economía recuperarse, creando empregos e desenvolverse orientando a demanda
cara á produción interna que afronta as necesidades populares nun modo verde
sustentable. Un impulso nas exportacións compensaría a presión inflacionista da
devaluación.
Se se aplicase polo pobo grego este programa inspiraría a
todos os que en toda Europa estamos a loitar contra o mesmo tipo de ataques da
austeridade. Sería o comezo da construción dun tipo diferente de sociedade -unha
determinada polo pobo para o pobo, que poría fin á cobiza dos banqueiros e os
políticos.
Con todo, mentres a clase traballadora grega afronta outras
eleccións, hai un serio problema que non pode ser evitado -o tema da unidade da
esquerda grega. Antes das eleccións, Syriza foi a única organización que chamou
a un goberno e a un programa unitarios contra a austeridade. Se hai novas
eleccións tanto o KKE como Antarsya (aínda que o KKE máis estridentemente) xa
afirmaron que non só presentarán aos seus propios candidatos senón que non
darán apoio, ou non –apontoarán-, a un goberno liderado por Syriza se fose eleito!
Isto, afirman, é porque o programa de Syriza é reformista, e non
revolucionario. Pero un programa revolucionario máis extenso é algo que debe
ser e será discutido e desenvolvido á vez que a loita avanza e non debe ser
contraposto polos revolucionarios ás inmediatas necesidades da loita tal e como
esta desenvólvese hoxe.
O sectarismo máis espantoso provén do KKE, que, nun estilo
estalinista de terceiro período, declarou non só que Syriza é reformista senón
que os reformistas son o principal inimigo! Antarsya rexeitou o chamamento a
favor da convocatoria dunha acción de masas contra os recortes e declarou que
non apontoarían a un goberno liderado por Syriza! Coa sección grega do SWP como
a principal forza en Antarsya, este enfoque é reflectido polo SWP en Gran
Bretaña. Un artigo de Alex Callinicos en Socialist Worker non ten nada que
dicir sobre a situación gobernamental de Grecia, ou sobre a unidade da
esquerda, pero acusa a Syriza de ambigüidade, de rexeitar romper co
social-liberalismo, e de buscar conter a situación dentro do marco do
capitalismo. Isto, afirma, subliña a necesidade de construír unha esquerda
revolucionaria que é parte deste gran movemento que varre Europa pero que
mantén a súa propia identidade política. Podemos estar de acordo coa última
frase pero iso debe ser como parte activa da coalición Syriza e cun método de
fronte única.
Esta é unha situación perigosa. Unha vitoria para a esquerda
non está garantida, pero poderiamos ver un goberno anti-austeridade cun
programa de acción radical anticapitalista ou negándoselle o goberno -e
continuando a austeridade con todas as súas consecuencias- ou a oposición unha
vez forme goberno doutras seccións da
esquerda! Nós, por tanto, facemos o chamamento máis forte posible a todas as
seccións da esquerda grega a unirse tras Syriza nas próximas eleccións e a
unirse tras un goberno anti-austeridade liderado por Syriza se é elixido. Por
suposto o movemento debe ser vixiante, pero na situación concreta que existe en
Grecia hoxe, construír unha organización anticapitalista ampla como Syriza -que
pode unir á clase traballadora- é o que se necesita, e no que as correntes
marxistas revolucionarias deberían estar implicadas.
Chamamos ao KKE e a Antarsya a romper co sectarismo e a
formar parte dun movemento como este e dun posible goberno de esquerdas. Se
Syriza aplica este programa, e haberá presións masivas para que non o faga,
sería un verdadeiro Goberno Obreiro, levando á primeira batalla política
superior en Europa contra a austeridade e a crise capitalista. A esquerda
marxista debería facer todo o que estea nas súas mans para asegurar que isto
suceda, non permanecer á marxe no illamento e a pureza sectaria.
Para concluír, as novas eleccións, nas que Syriza disputa con
todas as posibilidades para converterse no maior partido, poderían levar a un
goberno de coalición das forzas anti-rescate, anti-austeridade. A tarefa dos
revolucionarios é apoiar completamente a formación dun goberno así, pero con
vixilancia contra calquera negociación sobre o programa de acción de Syriza.
Isto é particularmente importante se a reformista Esquerda Democrática posúe a
chave do poder e segundo as sondaxes de opinión dous terzos dos votantes de
Syriza na primeira volta estaban a favor dun compromiso político para formar un
goberno. Con todo, é importante recoñecer que Tsipras non mostrou ningún signo
de negociar politicamente sobre o programa de Syriza. Afirma unha e outra vez
que o memorándum debe ser revogado.
Se ao final desta notable oportunidade a esquerda grega e o
movemento obreiro fracasan polas divisións internas para formar un goberno
cando a oportunidade estivese aí e a dereita toma o control como resultado, as
organizacións que opten polo illamento sectario terán unha gran
responsabilidade pola que responder, e non só en Grecia. De feito, a estratexia
de construír partidos amplos (tanto partidos anticapitalistas como Syriza como
formacións reformistas de esquerda radical noutras situacións) capaz de unir á
esquerda e aos sindicatos radicais en todo o espectro político, dos socialistas
revolucionarios a aqueles que non chegaron a ese tipo de conclusións, está
designada para exactamente este tipo de situación -cando ningunha corrente ou
tradición pode afrontar o reto por si soa.
É unha necesidade urxente para os movementos sociais de
Europa mostrar a súa solidariedade activa e práctica co pobo grego e constituír
unha plataforma común europea de resistencia á austeridade, que en Grecia debe
incluír a cancelación da débeda. En Gran Bretaña, isto significa construír
apoio á campaña de solidariedade con Grecia, lanzada por CoR[1] e The People´s
Charter[2], e apoiada por SERTUC [3] e o sindicato de transportes TSSA. En toda
Europa significa impulsar a proposta eminentemente sensible que parece que
emanou do movemento dos indignados no Estado español, para un día de acción
contra a austeridade o 16 de xuño, o día antes das eleccións gregas, cunha
atención principal na solidariedade con Grecia.
Esta declaración foi aprobada nunha reunión do Comité
Nacional de Socialist Resistance o sábado 26 de maio de 2012.
Notas:
[1]: Coalition of Resistance (Coalición de Resistencia):
movemento social británico impulsado contra as medidas de recorte orzamentario
do goberno conservador-liberal. Está presidido polo histórico dirixente
laborista de esquerdas Tony Benn, e apoiado por dirixentes da esquerda
laborista e sindical, e personalidades como Ken Loach.
[2]: The People´s Charter (A Carta do Pobo): campaña que
toma o nome do movemento cartista británico do século XIX, e que está dirixida
contra a aplicación das medidas neoliberais en Gran Bretaña. Está conformada
polos sindicatos máis combativos do TUC (Trade Union Congress, a central
sindical británica) como os de mineiros, bombeiros, alimentación,
comunicacións, transportes, ferrocarrís, profesores, xornalistas, alimentación,
etc.
[3]: Southern and Eastern TUC: federación rexional do TUC no
sur e o leste de Inglaterra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario