jueves, 27 de septiembre de 2012

Comunicado de Esquerda Anticapitalista Galega de cara ás eleccións do 21O


As eleccións do 21 de outubro na Galiza veñen marcadas pola profundidade da crise capitalista e polos profundos recortes sociais do goberno Feijoo, en total sintonía cos do goberno do Partido Popular no Estado Español. A súa estratexia está clara: que a crise do capital a paguen os de abaixo, a clase traballadora, os estudantes e os traballadores autónomos. Unha autentica doutrina do shock, cun goberno cómplice dos plans neoliberais da Unión Europea pero tamén con receitas clásicas da dereita herdeira do franquismo, como os ataques contra os dereitos das mulleres ou un nacionalismo español agresivo e virulento.

As consecuencias destas políticas aparecen xa na vida cotiá das clases traballadoras. O paro aumentou en máis dun 14%, alcanzando a 257.267 persoas, das que 107.471 non perciben ningún tipo de axuda. Os que teñen traballo ven aumentar a súa precariedade e diminuír a súa capacidade adquisitiva, con medidas como o aumento do IVE ou as baixadas salariais aos traballadores do sector público. A degradación da educación e a sanidade pública afecta diariamente a ducias de milleiros de familias traballadoras. Mentres, os culpábeis da crise seguen impunes, coma Novagalicia Banco, responsábel da estafa das preferentes a centos de persoas. O empresariado galego é incapaz de xerar emprego, acelerando a desindustrialización do país, como demostra a desastrosa situación do sector naval.

O PSOE, o outro partido do réxime xunto ao Partido Popular, carece de alternativas máis alá que maquillar a austeridade cunha fraseoloxía "democrática". Non podemos esquecer que foi este partido, que xa non ten nada de socialista nin de obreiro, o que comezou coas medidas contra a maioría social cando estaba Zapatero no poder, impulsando por exemplo a reforma constitucional que prioriza o pago da débeda sobre tódolos demais gastos do estado; en resumo, salvar aos ricos e abandonar aos pobres. Polo tanto, os partidos do réxime teñen que ser un dos inimigos a bater estas eleccións. A súa alternativa é mais do mesmo: un sistema cada vez mais antidemocrático e afastado das necesidades da poboación. O seu único obxectivo é defender os intereses dos empresarios que explotan a clase traballadora.

(Pincha no título para continuar lendo)


Hai alternativas na esquerda?

Na esquerda antineoliberal preséntanse dúas candidaturas como alternativa o PP e o PSOE. Por unha banda, está a candidatura do BNG, centrada no aumento do autogoberno como a solución á crise económica, pero que non descarta a reedición do bipartito co Partido Socialista. O BNG aparece como un partido burocratizado, alleo a maioría da mocidade , cun programa reformista baseado en ofrecer unha alternativa de goberno críbel. Dende logo, o BNG está lonxe de ser aquel BNG combativo , sempre a pé de rúa que conectaba con sentimentos e ilusións dos que buscaban unha alternativa os partidos do réxime. A súa longa marcha polas institucións pareceu transformalo nun partido cada vez máis acomodado, aínda que segue mantendo unha forte identidade de esquerdas no seu electorado, na súa orientación sindical a través da CIG e en boa parte da súa militancia, a máis numerosa da esquerda galega. Isto último podémolo ver na revitalización da presenza do BNG nas mobilizacións nos últimos meses e sobre todo despois da escisión, mais só nas convocadas por organizacións propias ou controladas por eles, O BNG parece incapaz de interactuar e confluir cas protestas, novos movementos sociais ou organizaciós que xurden pola Galiza, asumindo unha dinámica cada vez máis autorreferencial .

A outra alternativa é a coalición entre IU e ANOVA, Alternativa Galega*. Unha coalición que esperta ilusións entre sectores importantes da mocidade urbana e desencantados da esquerda, o que non podemos máis que saudar como positivo. Na prensa, nas redes sociais e nalgúns sectores da esquerda organizada especulouse con que Esquerda Anticapitalista Galega podería unirse a esa coalición, tamén autodenominada como a SYRIZA galega. Vémonos na obriga de desmentir esta posibilidade (ao menos de cara a estas eleccións) e explicar as nosas razóns.

En primeiro lugar, unha candidatura anticapitalista debe partir de certas liñas vermellas a nivel programático. O feito de definir o inimigo, neste caso aos partidos do réxime, é fundamental, deixando claro a separación entre eles e nós. O feito de que non se descarte explicitamente o goberno co PSOE é algo que só contribúe a aumentar a confusión, e máis con experiencias como as de IU en Andalucía, onde aplica recortes dende o goberno. A coalición IU-ANOVA non deixa claro ese punto esencial. Esta ambigüidade nas alianzas levou incluso a que Beiras chegara a considerar un pacto con Compromiso por Galicia, unha amalgama de liberais e dereitas "galeguistas" nos que se atopan personaxes como o fillo de Cuíña: alianza que afortunadamente non chegou a concretarse, pero que demostra que aínda hai cousas por clarificar. Un proxecto político non pode dar bandazos en función das declaracións dos seus líderes, senón que ten que manter unha coherencia política que lles permita gañar a confianza dos cidadáns.
Por outra banda, o termo anticapitalista implica unha forma de facer política, dende abaixo, baseada na mobilización e o impulso da autorganización dos traballadores e da mocidade. A coalición fíxose dende arriba, totalmente subordinada ás datas electorais, en troques de tratar de forxar unha alianza a través das mobilizacións que veñen tendo lugar nos últimos meses contra as políticas do goberno do PP. Unha confluencia baseada en asembleas, con debate, propoñendo alternativas unitarias e radicais nas mobilizacións (non podemos obviar a actitude de IU no movemento sindical, completamente acrítica coa dirección de CCOO), implicando a xente que non esta organizada nos partidos, sería unha alternativa con moita máis forza e continuidade e serviría para xerar conciencia e construír hexemonías anticapitalistas dentro da sociedade. Sería unha boa forma de demostrar que a esquerda ten alternativas como a auditoría da débeda, a nacionalización da banca , o dereito de autodeterminación do pobo galego, a recuperación de empresas pechadas, etc.. e explicar como levalas a cabo en concreto.

En definitiva, nos vemos a coalición "Alternativa Galega*" como bo un punto de partida, que consideramos positivo, pero aínda con cousas por aclarar, para empezar se consolidarase como proxecto mais alá das eleccións. É un avance na medida que pode restarlle votos os PP-PSOE e supón tamén a apertura de debates na busca de alternativas de esquerdas: os anticapitalistas sempre teremos as portas abertas para esa busca da unidade a través de diálogos e construír unha nova cultura política capaz de rematar co capitalismo.

A posición dos anticapitalistas

Esquerda Anticapitalista Galega non presentará candidaturas estas eleccións. Non cremos que sexa a nosa prioridade neste contexto, pero si que estaremos presentes nas eleccións cunha campaña que leve a alternativa anticapitalista, feminista, ecoloxista e revolucionaria aos traballadores precarios, aos desempregados, aos estudantes, que realmente son os únicos que poden emanciparse por si mesmos.
Para nós, a verdadeira campaña dáse nas rúas, a través da mobilización e a autorganización dende abaixo. Cremos que para iso é imprescindíbel conformar un bloque social anticrise, cos sindicatos, movementos sociais e a esquerda política, que dende a súa pluralidade sexa capaz de loitar unificadamente contra os recortes: estamos convencidos que a mellor campaña que poderían facer os partidos de esquerdas que se presentan as eleccións é impulsar mobilizacións que lles permitan xerar unha correlación de forzas favorábel a clase traballadora.

Estas eleccións poden acelerar a crise do PP e do PSOE é ser un revulsivo que anime á mobilización dos de abaixo: consideramos necesario votar estas eleccións, non porque consideremos que sexan a solución a todos os nosos problemas, pero si porque poden ser un dique de contención contra as políticas neoliberais. Un parlamento cun maior numero de deputados do BNG e IU/ANOVA sería unha boa noticia: chamamos a votar criticamente por estas opcións, recordando que o voto é so unha parte máis da loita de clases e que a revolución constrúese nas rúas, nas fabricas, nos centros de traballo precario, nas facultades, nas prazas... Necesariamente as forzas da esquerda institucional terán que tomar unha decisión despois do 21O: se optan polo camiño da adaptación á política parlamentaria, conformándose con ser forzas integradas no sistema ou se facer oposición aos partidos do capital, a través dunha política alternativa, optando por acumular forza social a través de mobilizacións unitarias, cos movementos sociais e sindicatos e cos millóns de persoas que sofren a crise capitalista. Nós temos claro que a segunda vía é a única posíbel para construír unha esquerda de combate e de confianza, con credibilidade e capacidade para ser unha alternativa para os de abaixo.

*Alternativa Galega foi o nome inicial da coalición IU-ANOVA, que terá que ser cambiado por mor de que xa foi utilizado por outra organización política de corta vida na década dos 90.

No hay comentarios:

Publicar un comentario