martes, 20 de noviembre de 2012

Ante o ataque israelí na Franxa de Gaza


[Comunicado de Esquerda Anticapitalista]
www.anticapitalistas.org


"Devolver Gaza a Idade Media" dixo o ministro de interior
   israelí Eli Yishai ao xornal Haaretz o 18/11/2012. Caricatura
do brasileiro Carlos Latuff (@CarlosLattuf en twitter)
Baixo o pretexto da protección da súa poboación, Israel comezou o pasado mércores 14 de novembro unha nova operación militar sobre a Franxa de Gaza denominada “Pilar de Defensa”. Dende entón, atacou centenares de obxectivos na Franxa no que chamaron “unha operación selectiva sobre os obxectivos terroristas”. O exército ocupante israelí deu comezo a esta ofensiva asasinando ó xefe das operacións militares de Hamas e ao seu gardacostas, lanzando un mísil sobre o carro onde viaxaban. Nos derradeiros días, a operación intensificouse con fortes bombardeos e Israel traballa na organización dunha invasión terrestre, que non fará senón  aumentar a dor e a morte na xa asolada Gaza. O balance desta nova masacre da poboación civil palestina tras o cruento ataque do domingo, sobrepasa xa o medio centenar de persoas asasinadas ás que hai que sumarlle os 500 feridos. O Ministerio de Sanidade en Gaza afirmou que 27 dos 65 mortos son nenos, mulleres e anciáns. Nesta nova situación de emerxencia humanitaria para a Franxa de Gaza, os hospitais non dan abasto, e o mesmo que ocorrera nos derradeiros días de 2008 e principios do 2009 durante a “Operación Chumbo Fundido”, quen padece con máis forza esta salvaxe e indiscriminada ondada de violencia de Israel é o pobo de Gaza. 



Esquerda Anticapitalista denuncia con vigor unha vez máis a desbocada agresión do aparello militar e de “intelixencia” sionista que leva anos practicando a limpeza étnica, o desposuimento da terra e os recursos que lexitimamente pertencen ao pobo palestino e o xenocidio lento do pobo orixinario en diapasón cos seus principios fundacionais: os dun proxecto de colonialismo de asentamento cunha forte carga racista e etnicista practicada dende fai xa 100 anos. Manifestamos, así mesmo, a nosa solidariedade total co pobo palestino de Gaza, coa súa resistencia e coa súa loita e recordamos novamente que, de acordo coa Cuarta Convención de Xenebra, todo pobo ocupado ten dereito lexítimo a utilizar tódolos recursos ao seu alcance para defenderse da ocupación. 

A só unha semana da reelección de Obama, a maquinaria sionista manda unha clara mensaxe, tanto ao goberno dos EEUU, coma aos gobernos occidentais: esta operación é a inamovíbel folla de ruta do particular “proceso de paz” israelí. Se ben esta calculada e macabra manobra é unha repetición da de fai 4 anos, o escenario rexional, coa desestabilización progresiva de Siria e a caída de Mubarak en beneficio dos Irmáns Musulmáns, leva a Israel a tensar a corda e xogar a súa carta anti-islamista procurando o apoio incondicional de EEUU ante o illamento crecente na zona. Así mesmo, e perante o anuncio de Netanyahu de lanzar “unha operación dunha dimensión tal que ninguén recordaría "Chumbo Fundido" xa que esta sería a operación definitiva de Gaza”, chamamos aos pobos para os que a liberdade e a dignidade son valores prezados a xuntar os nosos esforzos con maior intensidade aínda, neste período histórico no que os pobos de Oriente Medio e, en xeral, na rexión árabe, erguen a cabeza reivindicando paz, liberdade e xustiza social. A lexítima resistencia do pobo palestino, nos seus máis de 65 anos de opresión, é un foco de dignidade e causa común para tódolos pobos en loita e o debe ser tamén para o noso. 

Insistimos, finalmente, en apelar á sociedade civil e ás institucións pertinentes a intensificar a campaña BDS (Boicot, Desinvestimentos e Sancións a Israel) como práctica precisa para illar ó Estado agresor e impune e facerlle rectificar a súa política racista e criminal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario