viernes, 23 de noviembre de 2012

Tras o 14N: a Europa da clase traballadora pode derrotar a austeridade


Declaración de Esquerda Anticapitalista

O 14N a mobilización social contra os recortes e a austeridade recorreu os países do sur de Europa: folga xeral ibérica con amplo seguimento, paros parciais en Grecia- tras dous días de folga xeral facía apenas unha semana - Italia, Chipre e Malta. No norte e centro de Europa sen embargo- salvo en Francia e Bélxica, onde a asistencia ás manifestacións foi maior -a xornada tivo basicamente un carácter simbólico. Estas desigualdades non diminúen o alcance e a importancia do 14N, que significou a primeira acción de masas a nivel europeo contra as políticas da troika desde o inicio da crise e o quebrantamento da orientación dominante na CES, que até agora instalara ao movemento sindical europeo na desmobilización. Unha cousa e outra son condición necesaria para poder incorporar finalmente ao combate clasista contra a austeridade a amplos sectores da clase traballadora dos países do norte. Na Europa do sur, especialmente en Portugal, Grecia e o Estado español, a xornada mostrou o enorme potencial de resistencia social fronte ao desmantelamento dos servizos públicos, a perda de dereitos sociais e laborais e o crecente empobrecemento social. Foi unha potente demostración de forza do movemento sindical e social, que mostra claramente que o necesario "a coordinación europea das resistencias até derrotar a austeridade" é posíbel.
O 15 de novembro, Ángela Merkel apresurouse a deixar claro que a austeridade se manterá, repetindo o xa habitual discurso da troika comunitaria e dos gobernos dos estados fronte ás mobilizacións: "non cambiaremos a nosa política, porque é a única posíbel". Este discurso persegue dous obxectivos: desmoralizar aos moi amplos sectores sociais- que tras comprender que a resistencia é a única alternativa - están dispostos a mobilizarse contra a austeridade e o pago da débeda, existentes na maioría dos países do sur europeo e impedir que a mobilización se estenda, que alcance unha dimensión verdadeiramente continental. A pantasma da folga xeral empeza a perturbar os soños das elites europeas.
O proxecto da Europa neoliberal puido avanzar tan rapidamente grazas á aceptación deste por parte da maioría do movemento sindical "a CES" e pola desmobilización da clase traballadora europea. Esta orientación permitiu que o relato neoliberal sobre a Europa posíbel fose calando sobre franxas cada vez máis amplas de xente traballadora. A crise financeira, e agora a da débeda, mostraron a verdadeira cara da UE neoliberal: un potente instrumento en mans do gran capital europeo para impoñer as súas políticas. E puxeron en crise a súa principal realización: o Euro. Tamén, a orientación da CES respecto á UE realmente existente.
As elites representantes do capital financeiro europeo teñen plans concretos en marcha para atallar a crise do euro: a unión bancaria, a unión fiscal e a unión competitiva. A consolidación deste proxecto significará a consagración da austeridade contra a clase traballadora; a prioridade absoluta do pago da débeda sobre as necesidades sociais e económicas; o control dos presupostos, do gasto público e da emisión de débeda dos estados polas instancias da UE; e baixadas de salarios e novas flexibilizacións do mercado laboral para gañar competitividade. Suporá un novo desastre social para os países do sur de Europa. E 2013 será un ano crucial para a realización destes plans.
O 14N mostrou a forza de traballadoras e traballadores. Tamén o camiño que hai que recorrer: a converxencia europea das resistencias contra os recortes, a austeridade e o pago da débeda ilexítima. Iniciar esa andadura, opoñerse consecuentemente aos novos plans das clases dominantes europeas, esixe a ruptura do movemento sindical europeo co modelo actual de UE, unha arquitectura institucional que afonda as desigualdades, favorece aos acredores e impón de maneira autoritaria a austeridade. Con iso foméntase o desemprego, que permite chantaxear á clase traballadora, e se lle impoñen un sen fin de sacrificios a esta e ás clases subalternas. Esta lóxica neoliberal afasta constantemente as posibilidades de saír da crise.


No 14N español a convocatoria foi un éxito. Aínda que uns datos de consumo eléctrico máis que discutíbeis (como demostra o estudo do colectivo "Economistas fronte á Crise") indiquen que o paro foi menor que o do 29-M, a asistencia ás manifestacións da tarde foi moi superior, cunha presenza moi importante de mozos, aproximándose en masividade en numerosas cidades ás mobilizacións contra a guerra de 2003. O sector estudantil sumouse tamén masivamente á folga. Distinta foi a actitude do goberno: se o 29M a policía se limitaba a vixiar aos piquetes, o 14N a consigna era disolvelos. Da brutalidade policial da fe o número de persoas feridas e detidas, así como as numerosísimas testemuñas que circulan pola rede. Sen embargo, os piquetes da patronal non conseguiron o seu obxectivo: o centro e os barrios de numerosas cidades foron testemuñas, durante a mañá, de auténticas manifestacións que ían estendendo a folga ao seu paso. O 14N mostrou unha vez máis a importantísima capacidade de resposta que aínda ten nas súas mans a xente traballadora e moza.
As razóns da suposta menor porcentaxe de paro respecto ao 29-M poden ser variadas : en Euskadi, a negativa da maioría sindical vasca a secundar a convocatoria diminuíu considerabelmente o seguimento; a reforma laboral puxo nas mans da patronal un potentísimo instrumento anti-folga, de tal forma que no sector privado só paran hoxe as empresas onde aínda existe "poder sindical"; xeneralizáronse os servizos mínimos abusivos e a súa aceptación de facto polos sindicatos maioritarios... A dimensión cidadá da folga foi moi desigual, con barrios e pobos onde a incidencia no pequeno comercio e nos bares foi moi significativa e localidades e barrios obreiros onde estaba todo aberto.
O 14N, foi un éxito, a pesares da debilidade do traballo de preparación da folga. O Cume Social mostrouse, unha vez máis, como un espazo incapaz de estender e construír a folga fóra dos centros de traballo, entre a cidadanía, coa honrosa excepción da Unión de Actores. CCOO e UGT non foron capaces de crear ambiente de folga na sociedade. Foron os numerosos procesos de mobilización e indignación presentes e a súa proxección social os que alimentaron a chama da folga: os suicidios como resposta ao drama dos desafiuzamentos; a ocupación de hospitais e a loita contra a privatización da sanidade; a loita contra os recortes ou o peche en numerosas empresas públicas...
O éxito do 14N foi un novo golpe ao goberno, que acrecenta a súa ilexitimidade e mostra a amplitude do rexeitamento social á súa xestión da crise. Foi tamén a expresión dunha forza social non resignada que é vital para seguir alimentando a resposta fronte ás consecuencias do próximo rescate e da nova fase de reformas que se aveciña. O goberno pretendeu minimizar o seu impacto, presentándoa como un fracaso e un problema de orde pública; desenvolveu unha activa labor anti-folga, escudándose na defensa do dereito ao traballo e da normalidade cidadá e alimentando a resignación social, coa inestimábel axuda de Botín que manifestou que a gubernamental é a única política posíbel. O goberno do PP, a pesares do seu desgaste, da súa falta de credibilidade crecente, da desafección de sectores cada vez maiores do seu electorado, non vai variar as súas políticas. Impídenllo os seus compromisos coa troika comunitaria e os seus lazos co capital financeiro. Para acabar cos recortes, as privatizacións, e a criminalización e represión da contestación social, hai que acabar co goberno.
Pero derrotar ao goberno do PP, derrotar os recortes, esixe moito máis que convocatorias puntuais de FX dun día que, illadas das diferentes loitas sectoriais e sen formar parte dun plan xeral de mobilización, corren o risco de converterse cada vez máis en paros xerais con manifestacións pola tarde, perdendo gran parte do seu impacto. A vitoria sobre o goberno esixe trazar un plan a medio prazo de mobilización contundente e sostida, capaz de manter a presión sobre este até facela insoportábel.
Este plan de loita debería basearse en tres grandes eixos :
- Unha alianza entre o sindicalismo, movementos como o 15-M e o 25-S e as organizacións políticas e sociais opostas á austeridade, mediante a cal se vaia conformando un bloque que organice e estenda unitariamente a mobilización.
- Un programa de reivindicacións de "emerxencia social" con obxectivos que vaian á raíz dos problemas :
1. Auditoría cidadá da débeda. Anulación da débeda ilexítima.
2. Retirada das reformas laborais , de pensións, recortes e privatizacións. Reposición de salarios , dereitos, prestacións e servizos públicos.
3. Expropiación sen indemnización da banca rescatada, intervida ou avalada polo estado e mobilización de recursos para servizos públicos e creación de empregos dirixidos a aumentar a sostibilidade ambiental. Inicio do proceso para poñer a toda a banca baixo control público e social.
4. Suspensión preventiva de todos os desafiuzamentos que afecten á vivenda habitual. Derrogación da lei de desafiuzamentos de 1909. Dación en pago retroactiva. Plan de aluguer social co stock de vivendas baleiras da banca nacionalizada.
5. Reforma fiscal para combater o fraude e que faga recaer a carga fiscal sobre o capital.
- Un plan de mobilización que debería combinar un conxunto de accións: folgas sectoriais rotatorias en sectores estratéxicos, como os do transporte, finanzas, manufactura, enerxía ou telecomunicacións; ocupacións de instalacións e encerros nos servizos públicos dirixidos ás persoas, como sanidade e ensino; folgas xerais de máis dun día, para unificar as mobilizacións. E todo iso con vocación permanente de incorporar á cidadanía ao conflito.
Esta mobilización sostida debe comezar coa extensión da loita da sanidade madrileña e o apoio solidario a esta. Como na educación o pasado curso, a nova fase da privatización da sanidade pública comeza en Madrid. Do resultado deste conflito, da extensión do rexeitamento social á nova onda privatizadora, dependerá que esta se free en seco ou que, pola contra, o modelo se exporte á maioría de administracións autonómicas. É un combate no que nos xogamos moito. Sostelo e apoialo é tarefa de todas e de todos.
Esquerda Anticapitalista
21 de novembro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario