![]() |
@CarlosLatuff |
Un home con barba, integrante dos Irmáns Musulmáns, tenta tapar a boca dunha muller de idade, que permanece rexa, desafiante fronte ao seu agresor. Un xesto que simboliza a situación política de Exipto. Esa muller é Shahenda Mekled, histórica militante do movemento campesiño desde os anos sesenta e incansable loitadora polos dereitos das mulleres. Os islamistas pretenden topar a boca do pobo exipcio, de todos aqueles que reclaman, coma Shahenda, coma o 25 de xaneiro de 2011, "pan, xustiza social e liberdade".
A histórica revolución de 2011 que conmoveu ao mundo durante 18 días derrubou a un dicatador, Hosni Mubarak, pero non ao réxime. A oligarquía cívico-militar que con apoio estadounidense dirixe Exipto desde os anos setenta manobrou desfacéndose do desprestixiado sistema de partido único do corrupto NDP, concedendo certas libertades a cambio de manter o seu dominio a través da súa principal ferramenta, o Exército. E conseguiu atraer cara o seu campo á principal forza da oposición, a Irmandade Musulmana, cun programa neoliberal no económico e reaccionario no social pero cunha base social de masas, conquistada a través anos cubrindo as carencias sociais do réxime coa súa rede de asistencia caritativa. A través dun pacto non escrito, os militares e a Irmandade lideraron o proceso de transición, repartíndose os papeis. O exército reprimindo con dureza nas rúas e detendo milleiros de activistas e os Irmáns musulmáns accedendo a parcelas de goberno coa súa vitoria nas lexislativas de novembro de 2011 primeiro e nas presidenciais de xuño de 2012. O réxime ampliou a súa base de apoio, modificou a súa faciana pero non mudou de natureza.
Para que esta andamiaxe funcionara se precisaba urxentemente dun Préstamo do FMI, un rescate da maltreita economía exipcia que imporía un programa de axustes moi similar os aplicados en América Latina ou na periferia da Unión Europea. Para que este programa tivera éxito era preciso esmagar ao movemento obreiro exipcio, que a través da formación de sindicatos independentes, levaba meses de movilización con folgas masivas no textil(principal industria do país), nos transportes, na sanidade e na educación, reclamando un salario mínimo xusto e a renacionalización das empresas privatizadas. Por iso, na Declaración presidencial do 22 de novembro, que desatou o recente conflito, as folgas son declaradas ilegais e no proxecto de Constitución, aprobado por unha Asemblea Constitucional monopolizada polos islamistas, se pon ás centrais sindicais baixo control directo do goberno. Moitos activistas denuncian o que é a implementación dun goberno autoritario que pretende dirixir con man de ferro o país laminando as escasas concesións democráticas efectuadas baixo o proceso de transición. Así, no borrador constitucional, non aparecen recollidos nin dereitos sociais nin os dereitos das mulleres, mentres que sí se reflexa a supeditación das leis á Sharia. Ademais, o proxecto constitucional de Morsi deixa a porta aberta aos tribunais militares para xulgar a activistas.
Dende a caída de Hosni Mubarak, a polarización social medrou rapidamente. O que conseguiron os Irmáns Musulmáns é monopolizar esa polarización en torno á cuestión relixiosa, entre islamistas e laicos, desplazando do debate a cuestión de clase.
Co que non contaba a Irmandade é con Tahrir, co rexurdimento masivo do movemento social que retou ao réxime nas plazas. Ata o de agora, houbo mobilizacións contra os militares e os islamistas pero tiveron niveis de seguimento baixos e concentradas nunha capa moi activista, que sacou cedo a conclusión de que os Irmáns musulmáns eran outra faciana do réxime. O desgaste que leva sufrindo a Irmandade dende que chegou ao goberno acelerouse rapidamente e iso xerou un desapego crecente que levou ás rúas nas últimas semanas a moita máis xente, incluindo capas que non estiveran presentes na Revolución de 2011. As imaxes de centos de milleiros de manifestantes cercando o Pazo Presidencial e enchendo a praza Tahrir simultáneamente marcaron un punto de inflexión. Os Irmáns Musulmáns perderon Tahrir, o espazo simbólico da revolución, onde compartiran escenario nas xornadas de xaneiro e febreiro de 2011 cos que se manifestaban contra Mubarak e hoxe se manifestan contra eles. Unha pancarta na entrada da praza reza "Proibida a entrada aos Irmáns Musulmáns". Houbo unha recomposición dentro das forzas que derribaron ao vello "rais". Os islamistas, tanto Irmáns coma salfistas, aparecen unidos na defensa do presidente Morsi e tentan recuperar as rúas con métodos fascistas, como o ataque contra os manifestantes anti-Morsi do mércores 5, que deixou 7 mortos.
As forzas opositoras a Morsi son moi heteroxéneas e abranguen nun Frente de Salvación Nacional desde sectores procedentes do Antigo Réxime, coma Arm Moussa, ex ministro de Mubarak, ata a esquerda nasserista do ex candidato presidencial Sahabby, baixo o liderado dun liberal demócrata coma Mohamed El Baradey. O tema é que o pobo exipcio está sacando conclusións aceleradamente, perdendo a confianza no islamismo, descubrindo que non vai completar as tarefas da revolución, senón que vai traizoala. Esta idea, que era patrimonio dos sectores máis activistas estáse a estender. Como dixo a propia Shahenda Mekled fai uns meses, “os Irmáns Musulmáns son uns oportunistas que se aproveitan da pobreza da xente. Pronto os exipcios se darán de conta de que os islamistas no poderán cumplir as demandas da revolución”.
O problema é que os Irmáns Musulmáns están conseguindo centrar o debate en torno á polarización musulmán/ non musulmán, acusando á oposición de ser cristiana e de estar dominada polos mubarakistas. A esquerda, que se está visibilizando moito máis nestas mobilizacións, a través de Sabbahy ou do lider sindical Khamed Alli, ten que fuxir deste debate e denunciar como arribistas ás antigas figuras do réxime que agora se poñen a careta de demócratas manifestándose canda eles. Estes sectores aportan moito menos do que suman e traizoarán ás primeiras de cambio. Outro problema que pode ter á oposición é depositar a súa confianza nos militares. Como se amosou no proceso de transición, estes non xogan un papel neutral. Se chegan a intervir será na defensa dos seus propios intereses como parte da elite dirixente e non na defensa do pobo. Asemade é fundamental alonxar aos islamistas da súa base social, desenmascarando aos seus dirixentes, fuxindo da demagoxia relixiosa sen facer concesións. En Exipto están a dilucidarse cuestións decisivas que van condicionar seriamente o futuro. Como descubriu dramáticamente a esquerda iraní no 79, hai momentos políticos que se perden e logo non hai volta atrás para arrepentirse. Esta lección está presente nalgúns sectores pero hai outros grupos da esquerda exipcia que parece que non aprenderon do pasado.
O escenario está aberto e hai varias hipóteses de futuro. Unha posibilidade é que Morsi afonde na represión das protestas co apoio do exército, como parece suxerir a súa intención de proclamar a lei marcial, saque adiante o referendum constitucional previsto para o 15 de decembro e constrúa unha democracia autoritaria de tintes islamistas baixo a protección de EEUU. Outra opción é que o exército, verdadeiro poder fáctico do país, saque a conclusión de que os islamistas perden apoio social, xeneran inestabilidade e non funcionan coma garante dos seus intereses, polo que se desfarían de Morsi mediante un golpe de Estado, pactando con sectores da oposición vencellados ao mubarakismo, baixo o paraugas de Washington. Finalmente, existe a opción, máis remota, de que o movemento popular derribe a Morsi. Neste escenario post Morsi, a esquerda o tería moi difícil á hora de xogar un papel de liderado, moi fragmentada e desorganizada, incapaz de facer hexemónico o seu discurso no ámbito da oposición, polo que os que se levarían o gato á auga serían os liberais, nomeadamente El Baradei, e os sectores reciclados do vello réxime. O positivo sería que un derrocamento popular desataría forzas difíciles de controlar polos liberais, aumentaría a confianza dos movementos sociais na súa forza e abriría un escenario de posibilidades maior para a esquerda.
Porén, con estas mobilizacións se están forxando alianzas por abaixo e recomposicións políticas que poden axudar a fortalecer o xurdimento dunha alternativa. O venres 7 de decembro, os traballadores de Mahalla, corazón industriual do Delta, tomaron o Casa do Concello e proclamaron un Consello local alternativo que se declarou "independente do Estado islámico que está intentando crear o goberno". Estas iniciativas deberían estenderse por todo Exipto, prantexando a cuestión crucial do poder político e non a simple retirada dun decreto ou unha maquillaxe dunha Constitución. É o único xeito de levar a revolución exipcia ata o final. Nese sentido resulta moi positiva a determinación dos manifestantes, dispostos a romper o cordón militar que rodea o Pazo Presidencial, a desarmar á policía ou a enfrentarse físicamente nas rúas cos islamistas. Nin as ameazas, nin a intimidación, nin as pedras, nin os disparos botan ao pobo exipcio da rúa. O sangue dos mártires regará os sucos do futuro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario