martes, 12 de marzo de 2013

Os pobos do Sur de Europa han de converxer cara a unha alternativa supranacional | Daniel Albarracín


 [Intervención d noso compañeiro Daniel  Albarracín en Atenas no Encontro da Esquerda Anticapitalista Europea. 01/03/2013]


Camaradas, compañeiras e compañeiros, un saúdo desde Izquierda Anticapitalista, un abrazo solidario desde o Estado Español. É unha satisfacción que as organizacións que buscamos unha alternativa mediante unha ruptura co capitalismo global, teñamos a ocasión de intercambiar puntos de vista. E, iso espero, poidamos establecer eixos de cooperación e alianza para unha loita que transcende as fronteiras. 

O propósito da miña intervención é compartir, en primeiro lugar, unha caracterización sobre as políticas do Partido Popular no noso país. Centrareime sobre todo na esfera económica e laboral. Nunha segunda parte, exporei algunhas cuestións sobre que estratexia considero de interese para os e as traballadoras europeas, partindo do impulso das resistencias no Sur de Europa. Sinalarei algúns puntos que refiren a un posible programa de transición que nos permita conmover as estruturas da UE, romper coas súas políticas e institucións neoliberais, e, dado o caso, construír unha nova área supranacional solidaria e alternativa en ruptura co capitalismo. 

1. O carácter de clase do goberno do Partido Popular 

O carácter da política do Partido Popular, supón un novo salto cualitativo, a partir dunha liña de xestión neoliberal  imposta desde hai tempo. 

Os grupos de presión da banca privada esixen, ante a súa crise, baixo a pantasma do rescate á economía española, un carácter novo á axenda política. Impoñen unha política de austeridade no gasto público en determinados capítulos sociais e laborais. Trátase de liberar recursos para salvar á banca. 

Desde 2010, a banca centroeuropea é presa do pánico ante un risco certo e moi probable de falta de pagamentos das débedas. 

A banca fai valer as súas propostas, e o PSOE, apoiado firmemente polo PP, entre outros, promulgou unha Reforma da Constitución en agosto de 2011, que establecerá a prioridade absoluta do pago da débeda pública á conta de calquera outro destino do orzamento público. A finais de 2012 o 9,3% do Orzamento Público español destinábase unicamente a pagar os intereses da débeda pública -case cinco veces máis que o gasto público en educación e sanidade xuntos-. Tras unha forte política de socialización das enormes débedas das empresas privadas, a débeda pública alcanza o 84% do PIB, cando en 2007 era de apenas o 37%. 

Os partidos do Réxime decidiron sacralizar unha política que acababa coa soberanía popular en materia de política económica. E adóptase a decisión de afondar na desvalorización interna do mundo do traballo, desmantelar as políticas sociais, privatizar servizos públicos esenciais e debilitar o recoñecemento institucional das organizacións sindicais. 

O Partido Popular acada a maioría absoluta e Rajoy é elixido Presidente o 21 de decembro de 2011, concentrando un gran poder institucional. No seu programa prometera emprego e a saída da crise, sen rescatar á banca, sen tocar as pensións, sen reducir a indemnización por despedimento, sen afectar á educación ou a sanidade. Nada disto  se cumpriu nin foi respectado. 

O plan do PP consistiu en aplicar unha política de austeridade drástica e pór orde no sistema financeiro. 

O sistema financeiro español atópase exposto a activos tóxicos inmobiliarios e un alto endebedamento empresarial. O sistema bancario naufraga no medio dunha crise de confianza crediticia do mercado interbancario. 

Esixiuse desde a UE unha recapitalización bancaria e o recoñecemento nos balances da perda de valor dalgúns activos. O goberno buscaba desbloquear para a banca o acceso aos mercados financeiros internacionais. Houbo que acabar antes co status semipúblico das caixas de aforros, a metade do sistema financeiro. Con iso moitos dos novos bancos, antes caixas de aforros, non puideron cumprir ese requisito. Fusionáronse para poder sobrevivir. Foi unha ocasión dourada para os grandes bancos españois (BBVA, Banco de Santander, etc) de apropiarse a prezos ridículos das entidades sobreviventes e do seu negocio. Todo iso tras unha gran inxección de capital público e tralo maior proceso de concentración bancaria no Estado español da historia. Non esquezamos que o Estado español  nacionalizou gran parte do sistema de caixas de aforros e aínda conta co 16% do sistema financeiro español. 

Daquelas caixas de aforros algunhas quedaron como novos grandes bancos: por exemplo, Caixa Bank e Bankia. Agora ben, en 2011 Bankia entra en bancarrota e é nacionalizada. O buraco é tal que fai impracticable ao goberno afrontar o seu salvamento por si só. Necesitábanse uns 20.000 millóns de euros só para esta entidade. Ademais, Bankia non é máis que a punta do iceberg dun sistema bancario zombie. Até finais de 2011 os rescates bancarios teñen suposto algo máis de 63.000 milleiros de millóns de euros. Nese momento, o novo goberno do Partido Popular pide un rescate parcial á Unión Europea, mediante un crédito de 100.000 millóns de euros (o 10% do PIB), para facer fronte a este rescate e outros que virán. A partir daí realizáronse varias actuacións vencelladas ao sistema financeiro. 

    Avalouse con 100.000 millóns ao sistema bancario español, a través do Fondo de Rescate e Ordenación Bancaria (FROB). Posíbelmente o 90% non o devolverá. 
    Conformouse un Banco Malo, chamado Sareb, que reunirá, mediante un préstamo de Bruxelas, a pesar do dito, sobre todo con diñeiro público, activos de dubidoso cobro, chan e bens inmobiliarios practicamente invendibeis da gran banca. O banco malo é unha iniciativa de socialización de perdas, porque os contribuíntes terán que financialo cos seus impostos. Para liberar recursos procédese a unha serie de recortes, polo equivalente dos rescates, centrados principalmente en: 
    Recortes durísimos en educación e sanidade. Na segunda metade de 2012 recortará tamén sensíbelmente as prestacións de desemprego, e a final de ano rompe coa lei establecida e as pensións perderán poder adquisitivo, crecendo un 1% cando a inflación a fin de 2012 chegou ao 2,9%. 

    No emprego público conxélanse primeiro os salarios do funcionariado. Ao final de ano eliminárase a paga extra. Amplíase a súa xornada laboral e conxélase o persoal. Proxéctase a privatización das últimas empresas públicas existentes. 

   - Conxélanse ou  retíranse diversos beneficios sociais a mozos e a persoas dependentes. 

   - Conxélase o salario mínimo interprofesional. 

   - Atrásase a ampliación imposta pola UE do permiso de paternidade. 

    -Os recortes afondaranse ao longo do ano afectando a investimentos crave como son as infraestruturas. 

    -Diminúense as subvencións a partidos políticos nun 20%, a sindicatos e patronal na mesma porcentaxe.

 Os sindicatos, xa duramente afectados por diferentes caídas de recursos (xestión de formación, cotas de afiliación, outras subvencións, etc) vense fortemente castigados. Abórdase tamén unha reforma fiscal, cuxa recadación se destinará en gran parte aos rescates bancarios e pagar a débeda, que consistiu en: 

    -Un incremento temporal do Imposto sobre a Renda, con afán recadatorio e formalmente progresivo. A subida do IRPF afectará, sobre todo, ás xa diminuídas clases medias, que achegarán ao redor de dous terzos do novo esforzo recadatorio. As rendas altas están afeitas a eludir ou evadir os seus impostos. 

    -Un aumento moi significativo do Imposto sobre o Valor Engadido desde o pasado verán (o tipo normal sobe ao 21% e os reducidos ao 10%). 

    -Unha amnistía fiscal cun gravame de só un 10% aos capitais repatriados, que proveñan de paraísos fiscais ou que até hoxe non estivesen declarados. Esta medida, non só premia aos tramposos, ademais apenas conseguiu recadar a metade do previsto. 

Algunhas das reformas que máis resistencias ocasionaron foron as da Sanidade e a Educación. Ademais en Catalunya e Madrid, procédese a unha maior privatización destas áreas de servizos esenciais. 

Isto propicia o inicio de mobilizacións sectorial-cidadás que se coñecen como Mareas (a verde, a branca, a negra, a vermella, etc). Foron, por primeira vez en moito tempo, moi activos os empregados públicos, que sofren caídas sucesivas e substanciais dos seus salarios que poden supor perdas do 20% das retribucións en termos reais. No entanto, irrompen en escea as diferentes mobilizacións laborais, como a moi contundente dos mineiros en 2012, e as dúas folgas xerais do mesmo ano, convocadas polos sindicatos ante a reforma laboral e os recortes establecidos. Estas son postas en pé tras moitísima presión social e iniciativas cada vez máis audaces orixinadas no movemento 15-M e o movemento por un novo proceso constituínte, como o movemento 25 de Setembro, que empuxará aos sindicatos maioritarios, ante o risco de seren desbordados, á convocatoria de folga xeral e europea do 14 de Novembro. Na decisión das grandes centrais sindicais, CCOO e UXT, inflúe o intento de soster a súa lexitimidade perdida, tras unha traxectoria de comportamento pasivo e pactista, e diferentes cálculos eleitoralistas. Estas mobilizacións, amplamente secundadas, teñen o seu máximo respaldo en masivas manifestacións, con case 10 millóns de asistentes. 

Os potentes recortes de servizos públicos esenciais e as privatizacións non son os únicos capítulos da xestión do goberno de Partido Popular. As clases dominantes aspiran a cambiar a beneficio seu a estrutura social, laboral e económica. Perseguen consolidar os privilexios do capital rentista, aumentar as plusvalías absolutas, restaurar a taxa de beneficio, aínda á conta da depresión xeral. Para iso, unha pedra angular da súa política descansa na Reforma Laboral de Febreiro do 2012, a máis radical desde a Transición Política. 

A reforma laboral  despedazou diferentes dereitos e garantías e desprazou o papel e influencia negociadora dos sindicatos no modelo de relacións laborais. 

Por unha banda, abarata e facilita o despedimento até niveis non vistos desde comezos do século XX. O ascenso do desemprego neste tempo non se fixo esperar, a pesares de que o punto de partida era de record. En 2012, mentres o PIB caía 1,3% facíao o 2,1% a poboación asalariada con 850.000 empregos destruídos. A monstruosa xeración de desemprego sitúanos ante o 26% de taxa de paro, con niveis de escándalo entre a mocidade e, afectando máis sobre a inmigración e as mulleres. 

Sen dúbida, as clases dirixentes impulsan o obxectivo de desvalorización interna de dereitos e salarios directos e indirectos. Buscan establecer as condicións para abaratar a contratación da forza laboral. No ano 2012 asistimos a caídas de salarios, polo amplo paro e o forte pánico entre os que aínda conservan o seu emprego. A patronal e o empresariado bloquea convenios, despide despiadadamente, rexeita compromisos salariais e endurece as condicións de traballo. O salario negociado en 2012 aumentou o 1,3% mentres que a inflación chegou ao 2,9%, o que equivale a unha caída do salario real do -1,6%, que será moito máis fonda alí onde non é posible negocialo. O peso do fondo de salarios na renda nacional  pasou do 54% en 2008 ao 50,4% en 2012, cun claro transvasamento ás rendas do capital. 

Con todo, este non foi o principal dos cambios. En primeiro lugar, coma no ámbito laboral anglosaxón, agora prima a negociación colectiva a escala de empresa rompendo a eficacia dos convenios colectivos seitoriais. Os convenios tamén perden “ultraactividade. A partir de agora, ao cabo dun ano do fin da vixencia dun convenio, se fracasa a negociación dun novo, decae. A taxa de cobertura da negociación colectiva esborrallarase a partir de agora. En definitiva, isto entraña a pulverización da negociación colectiva e, con iso, o incremento do poder empresarial até niveis comparabeis aos que rexían no século XIX. 

En calquera caso, toda a política do goberno do PP foi un fracaso en termos sociais e laborais. A deterioración das condicións de vida faise a pasos axigantados para as maiorías. Nin sequera conseguen os seus propios obxectivos. O déficit público disparouse a máis do 8,2% do PIB. A pesares da blindaxe e privilexios para o mundo empresarial a rendibilidade se erosiona, aínda que moito menos entre as grandes empresas, nun contexto recesivo. Xa son case seis millóns de parados, 1,7 millóns de familias con todos os seus membros sen emprego, dous millóns de persoas paradas sen prestación, o que se traduce nun ascenso dramático das taxas de desafiuzamentos que empurran a numerosos suicidios. 

As Folgas Xerais e as sucesivas expresións de resistencia cidadá non conseguiron apenas influír na axenda de reformas lexislativas do Goberno, mentres este seguiu coa súa liña de oídos xordos e de represión policial. Pero a mobilización conseguiu arrinconar ao goberno e crebar a súa lexitimidade social. A corrupción esténdese e pode haber dimisións cedo. 

2. Unha política internacionalista alternativa desde a esquerda anticapitalista. 

Unha política alternativa debe artellar unha dimensión nacional e outra internacional. Pero debe porse énfase que a día de hoxe calquera estratexia anticapitalista esixe priorizar a segunda, evitando a oposición entre clases traballadoras de diferentes países. 

A escala nacional é importante apoiar e impulsar unha reforma fiscal progresiva, a nacionalización sen indemnización de toda a banca privada involucrada na orixe da crise, a creación dunha banca pública baixo control social, o establecemento de medidas de control do movemento de capitais, e o impulso a unha política de redistribución que desenvolva a creación dun emprego socialmente útil e un incremento de actividade ligadas ao coidado e o benestar das persoas priorizando os bens comúns (natureza, educación, sanidade, vivenda, pensións, etc). 

Estas medidas compartímolas cos reformistas de esquerdas, pero atopamos varias diferenzas con eles. A primeira é o consecuente para levalas a cabo, eles están dispostos a hipotecar a súa política a pactos institucionais co socialiberalismo. Nós opómonos, a independencia de clase e as políticas antiausteridade non se transixen. A segunda, practicamos un modelo de política aberta á participación desde abaixo, e traballamos por constituír órganos populares de control democrático que garantan a aplicación deste programa de transformación. A terceira, afrontamos de maneira distinta a cuestión dos axustes e a débeda. A cuarta, que eles pensan que a UE só fracasa por problemas de deseño ou por capítulos pendentes. Eles pensan que ás veces hai que xestionar ·axustes de esquerda”, conformarse cunha banca pública configurada a partir dos restos nacionalizados da banca insolvente, que hai que impulsar o crecemento para pagar a débeda, e que é preciso propor unha axenda social europea. Nós pensamos que non hai que pagar a débeda ilexítima, que o proceso de desendebedamento ten que correr a cargo dos de arriba, que o sistema financeiro ten que ser fundamentalmente público, que o produtivismo é incompatíbel coa ecoloxía, e que esta Europa é a do capital e deseñouse a favor das clases dominantes. 

Ao mesmo tempo, debemos evitar o seitarismo e ter a destreza de ser unitarios na loita con estes compañeiros. Pode percorrerse un camiño xuntos ao mesmo tempo que debemos instarlles a superar as súas contradicións, que doutro xeito bloquearía o alcance da nosa iniciativa. 

Doutra banda, debemos seguir discutindo con aqueles camaradas que se deixan levar polas tentacións dun esquema de esquerda radical que pensa en termos nacionais, ou aqueloutros que reflexionan en termos de ou todo ou nada. Estes compañeiros, tamén consideran que resulta clave levar até as últimas consecuencias o anterior programa e amplifican a súa reflexión a escala internacional, reclamando que os pobos deben restaurar a súa soberanía nacional e abrirse un camiño á marxe dos designios do capitalismo global. Nesta liña atópanse aqueles que poñen na súa axenda política de maneira prioritaria a saída unilateral do euro e a ruptura coa UE. 

Nós consideramos que a ruptura con este modelo de Europa é clave para unha alternativa anticapitalista. Pero ao mesmo tempo pensamos que, afirmando que o Sistema Euro é nefasto para as clases populares e os países do Sur de Europa e que a saída do euro xa non pode considerarse un tabú, non é este un tema que deba abordarse de maneira illada e que hai outras cuestións que deben tratarse prioritariamente. 

As reformas do calado anterior poden porse en pé, aínda que sen dúbida contarán co muro da contorna internacional e as regras do capitalismo global. As políticas progresistas nun só país enfrontaríanse a consecuencias adversas (fuga de capitais, illamento financeiro internacional, bloqueos comerciais, empobrecimientoetc) co que non se trata de ser só máis audaces senón de adoptar unha perspectiva máis ampla que faga viábel a transformación socialista. 

As reformas que merecen a pena, nun horizonte de transformación, non terán un alcance suficiente senón inclúen varios trazos fundamentais: deben contar cun amplo respaldo social, deben satisfacer as aspiracións democráticas da maioría, deben mostrar o contraditorio do sistema vixente para poder superalo, e, sobre todo neste contexto, han de ter unha alianza internacional suficiente para podelas poñelas en práctica. 

En primeiro lugar, isto suporía confrontar co proceso de conversión das inmensas débedas privadas en débeda soberana, e contra os privilexios fiscais que as rendas do capital están a gozar (paraísos, amnistías, modelos fiscais regresivos). Ademais, actividades estratéxicas da economía non poden estar en mans privadas, tanto polas súas condutas como a lóxica de rendibilidade que as somete, polo que o núcleo central da banca, a enerxía, os transportes e os servizos esenciais de benestar e desenvolvemento social han de estar en mans públicas baixo control social e laboral. 

En segundo lugar, hai que enfrontarse ás políticas de austeridade en tanto o que supoñen de concentración da renda e a riqueza e de destrución dos bens comúns, admitindo só unha lóxica de austeridade que refira á necesidade dun cambio de modelo produtivo ecoloxicamente sustentábel, baseado en enerxías renovables, reducindo os niveis de consumo de materias primas, capaz de satisfacer as necesidades sociais. 

Están a configurarse novas maiorías sociais contra os recortes, contra o paro, e contra a privatización e deterioración dos bens públicos a escala supranacional. O ascenso das mobilizacións no Sur de Europa, así coma nos países árabes, ou a presenza de gobernos sensibeis ás necesidades populares en América Latina, debuxa a oportunidade histórica de abrir un novo camiño. No Sur de Europa, hai unha maioría social que, ante o drama que está a vivir, podería abrazar un programa centrado en varios capítulos, tales como: 

    O rexeitamento aoss Memorandos de Entendemento, especialmente á súa condicionalidade. Reclamar, pola contra, o impulso a políticas de transferencia de rendas e investimentos cara aos territorios e poboación máis desfavorecidos, construíndo unha división internacional do traballo complementaria e cooperativa. 

    A desobediencia dos diversos Pactos pola Austeridade que arrincan desde Maastricht. 
    Establecer unha declaración de falta de pagamento, podendo inspirarse nos acordos establecidos en 1953 con Alemaña, desenvolvendo auditorías que determinasen a parte ilexítima da débeda para proceder á súa reestruturación e quita. Os acredores bancarios e os capitalistas en xeral son responsables e han de pagar polo que fixeron. 

    Entre os países que converxesen nesta política alternativa, formular estratexias de solidariedade e integración igualitaria e redistributiva en materia financeira, comercial e de investimentos. Isto podería abrir a porta a construír unha nova área económica supranacional co máximo de países posibeis. 
    Reclamar unha orientación e deseño institucional en Europa de carácter alternativo, cun novo Banco Central favorable á creación de emprego e competente para regular o sistema financeiro europeo, un orzamento público europeo capaz de crear un sector público de benestar ampliado, establecer un control adecuado dos fluxos de capital que fixesen eficaces un réxime fiscal progresivo, expor unha armonización das relacións laborais, etc De non aceptarse, construílo entre os países que estivesen conformes con este outro esquema. 

    Na miña opinión, a saída do euro, ou o establecemento de medidas proteccionistas, non deberían ser nosa consigna, e de selo só deberían empregarse como unha arma de negociación e, se seica, un paso atrás, trala expulsión, que busca dar dous cara adiante, orientados cara a unha construción internacionalista alternativa. A saída do euro brindaríanos instrumental económico soberano, pero meteríanos de cheo nunha carreira de desvalorización competitiva que non só empobrecería aos pobos dos países do Sur, senón tamén enfrontaría ás clases traballadoras duns e outros países nunha carreira de desvalorización competitiva. A alternativa será internacionalista ou non será. O que implica falar cos sectores máis combativos alemáns e doutros países do norte de Europa. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario