![]() |
Cartaz en Francia de apoio ao pobo grego durante a ditadura dos coroneis. |
Como nos anos vinte e
trinta, a causa xeradora desta ameaza neofascista e de extrema
dereita é a profunda crise económica, social, política e tamén
ética e ecolóxica do capitalismo que, tomando como pretexto a crise
da débeda, está levando a cabo unha ofensiva sen precedentes contra
o nivel de vida, as liberdades e os dereitos dos traballadores,
contra todos os e as de abaixo.
Aproveitándose do medo
dos podentes ante os riscos de explosión social, así como da
radicalización das clases medias alcanzadas pola crise e as
draconianas políticas de austeridade, e da desesperación dos
parados marxinados e pauperizados, a extrema dereita e as forzas
neonazis e neofascistas estanse a desenvolver en toda Europa; e
adquiren unha influencia de masas sobre as capas desherdadas ás que
dirixen sistematicamente contra tradicionais e novos cabezas de turco
(os inmigrantes, os musulmáns, os xudeus, os homosexuais, os
minusválidos...) así como contra os movementos sociais, as
organizacións de esquerda e os sindicatos obreiros.
É certo que a influencia
e a radicalidade desta extrema dereita non son as mesmas en toda
Europa. Con todo, a xeneralización das políticas de austeridade
draconiana ten como consecuencia que o ascenso da extrema dereita
sexa xa un fenómeno case xeral. A conclusión é evidente: o feito
de que o ascenso impetuoso da extrema dereita e a emerxencia dun
neofascismo ultraviolento de masas non sexa xa a excepción á regra
europea obriga aos antifascistas deste continente a enfrontarse a
este problema na súa xusta dimensión, é dicir, en tanto que
problema europeo!
Pero dicir isto non basta
se non se engade que a loita contra a extrema dereita e o neonazismo
é dunha urxencia absoluta. En efecto, en varios países europeos a
ameaza neofascista é xa tan directa e inmediata que transforma a
loita antifascista en combate de primeirísima prioridade, no que
está en xogo a vida ou a morte da esquerda, das organizacións
obreiras, das liberdades e dos dereitos democráticos, dos valores de
solidariedade e de tolerancia, do dereito á diferenza. Dicir que
estamos nunha carreira contra a barbarie racista e neofascista
corresponde xa a unha realidade verificada cada día nas rúas das
nosas cidades europeas...
Vista a profundidade da
crise, as dimensións dos desastres sociais que provoca, a
intensidade da polarización política, a determinación e a
agresividade das clases dirixentes, a importancia dos obxectivos
históricos do enfrontamento en curso e a amplitude do ascenso das
forzas da extrema dereita é evidente que o combate antifascista
constitúe unha opción estratéxica que esixe unha seriedade
organizativa e unha dedicación política e militante a longo prazo.
En consecuencia, a loita antifascista debe estar estreitamente ligada
ao combate cotián contra as políticas de austeridade e o sistema
que as xera.
Para resultar eficaz e
responder ás expectativas da poboación, a loita antifascista debe
organizarse de forma unitaria e democrática e ser produto das
propias masas populares. Cidadás e cidadáns deben organizar a súa
loita antifascista e a súa autodefensa eles mesmos. Ao mesmo tempo,
para resultar eficaz esta loita debe ser global, confrontando á
extrema dereita e o neofascismo en todos os terreos onde se
manifestan o veleno do racismo e da homofobia, o chauvinismo e o
militarismo, o culto da violencia cega e a apoloxía das cámaras de
gas (e de Auschwitz). En suma, para ser eficaz
a longo prazo, o combate antifascista debe propoñer unha visión
diferente da sociedade, diametralmente oposta á proposta pola
extrema dereita: é dicir, unha sociedade fundada na solidariedade, a
tolerancia e a fraternidade, o rexeitamento ao machismo, o
rexeitamento á opresión das mulleres e o respecto do dereito á
diferenza, o internacionalismo e a protección escrupulosa da
natureza, a defensa dos valores humanistas e democráticos.
Este movemento
antifascista europeo debe ser o herdeiro das grandes tradicións
antifascistas deste continente! Debería suscitar as bases dun
movemento social dotado de estruturas, cunha actividade cotiá, que
penetre toda a sociedade, que organice aos cidadáns antifascistas en
redes segundo os seus traballos e profesións, o seu lugar de
residencia e as súas sensibilidades, que leve a cabo un combate en
todas as frontes das actividades humanas e que asuma plenamente a
tarefa da protección ata física dos máis vulnerábeis dos nosos
concidadáns, dos inmigrantes, dos xitanos, das minorías nacionais,
dos musulmáns, dos xudeus ou os homosexuais, de todos aqueles e
aquelas que son sistematicamente vítimas do racismo de Estado e do
hampa fascista.
Porque a necesidade da
mobilización antifascista a escala europea faise cada día máis
urxente, quen asinamos este manifesto chamamos á constitución dun
Movemento Antifascista Europeo unitario, democrático e de masas,
capaz de enfrontarse e vencer á peste parda que levanta a cabeza de
novo no noso continente. Faremos todo o posíbel para que o congreso
constitutivo deste Movemento Antifascista Europeo, cuxa urxente
necesidade sentimos, se celebre en Atenas na primavera de 2013, e
veña acompañado dunha gran manifestación antifascista europea nas
rúas da capital grega.
Desta volta a historia non debe repetirse!
NON
PASARÁN!
As organizacións e
colectivos que queiran adherirse ao Manifesto que envíen un correo a
antifascism.europa@gmail.com. Grazas.
http://antifascismeuropa.org/
No hay comentarios:
Publicar un comentario