Rifondazione
Comunista, surrealismo postelectoral
Franco
Turigliato
A
secretaría de Rifondazione Comunista anuncia que presentará a súa
dimisión no próximo comité nacional do partido publicando un
comunicado con pasaxes polo menos surrealistas que merecen algunhas
graves consideracións. Este ademais carece dunha referencia á
gravidade dos erros cometidos por este partido e á necesidade dunha
reflexión en profundidade que revise non só as decisións de hoxe,
senón tamén dos moitos anos pasados dos cales as últimas son
fillas.

Pero,
como podía esta lista, pola forma en que se fixo, os seus contidos e
perfil político elixido, polas características do seu candidato e
aparecendo como unha improvisada lancha de salvamento para algúns
partidos en dificultade e poder garantir un novo desembarco no
parlamento dos seus desgastados líderes, levar a cabo esa función
cando baixo os golpes da crise e a austeridade no país medra un
enorme sufrimento en amplos sectores de masas? Recomendamos a análise
lúcida e desapiadada de Guido Viale en “Il Manifesto” e as notas
de Antonio Moscato.
Queremos
unicamente subliñar que Rifondazione desempeñou un papel totalmente
negativo na convocatoria de “Cambiar pódese”: por unha banda,
condicionando o debate e as dinámicas internas (nas asembleas e o
gran esforzo por determinar o desenvolvemento do referendo online) e
ao mesmo tempo tecendo o acordo con outros partidos escondidos detrás
de Ingroia de costas ao movemento, conseguindo ao final facer
fracasar a orixinalidade do proxecto e “absorber” a unha parte
dos protagonistas na lista Ingroia.
Rifondazione,
cun acto absolutamente autodestructivo para preservar aos seus dous
líderes, foi ata capaz de excluír da lista do Piemonte a unha
compañeira como Nicoletta Dosio, protagonista indiscutíbel,
xenerosa e críbel do Movemento Non TAV desde as súas afastadas
orixes, dando así luz verde ao moi merecido éxito dos “grillini”
(seguidores de Beppe Grillo) no Val de Susa. Naturalmente era posíbel
outra opción, a de favorecer ao máximo a construción desta lista
desde abaixo, centrándose na renovación, na activación de novas
enerxías nun proceso máis lento pero máis capaz de interpretar o
desgusto social e a oposición ás políticas de austeridade.
Pero
o comunicado de Rifondazione consegue “superarse” ata cando
afirma que, a fin de contrastar as políticas liberais, “é
necesario poñer en marcha con forza a construción dun polo político
da esquerda antiliberal e propoñemos que Revolución Civil dea vida
a un verdadeiro proceso constituínte. Paralelamente é necesario
fortalecer e calificar a acción de Rifondazione Comunista, que deste
proceso de unidade da esquerda antiliberal debe ser motor e
protagonista”.
A
ferramenta que demostrou a total incapacidade política de actuar na
convulsa sociedade italiana debería ser o suxeito dun proceso
constituínte e democrático, Rifondazione Comunista, a forza que
xogou un papel totalmente negativo, freando a iniciativa de novos
sectores sociais da base por acordos verticais, debería ser o motor.
Pero
a realidade é unha: Rifondazione proclamou moitas veces na súa
historia ser a alternativa. No movemento antiglobalización intentou
ser plenamente partícipe, pero como unha maldición ou legado
insuperábel, case en todas as citas electorais xa sexa nacionais ou
locais optou por retomar o acordo cos social-liberais, buscando unha
vantaxe a curto prazo (postos moi gratificantes para moitos dos seus
dirixentes) e renunciando a un traballo de alternativa coherente, a
medio e longo prazo.
Encheuse
a boca de estar nos movementos “desde a base” pero o centro
sempre estivo identificado noutro lugar, dando prioridade a tácticas
institucionais; excepto nalgún momento en que o mecanismo se atascou
e investido, coa desafortunada experiencia do goberno Prodi, cara ao
lado contrario. Nunha entrevista Alberto Perino, líder do Non TAV,
quizais esaxera as cifras, pero evidencia o substancial cando afirma
dicir a Ferrero que “si deixasen caer ao executivo (Prodi) no
financiamento das misións ao estranxeiro e na do TAV agora obterían
o 20%”.
Desta
forma non só se renunciou á perspectiva do “sol do futuro”,
senón que tamén se perdeu a presenza institucional. Nunca se ha ter
a forza para empezar un camiño máis complexo que puidese ter maior
influencia social e servise, cando fose posíbel e necesario, para
lograr tamén unha útil presenza electoral. Por suposto estas
consideracións non poñen en dúbida a xenerosidade, militancia e o
gran esforzo de tantas compañeiras e compañeiros de Rifondazione na
actividade político- social e ambiental nos movementos contra as
políticas neoliberais.
Todas
estas compañeiras e compañeiros deberían facer unha profunda
lectura de orde política e estratéxico do percorrido da súa
organización e sobre todo optar por dedicarse enteramente á
construción paciente e difícil de tantas resistencias sociais para
unilas, reforzar a complexa dinámica destes movementos embrionarios
para construír frontes que se transfiran no plano da mobilización,
da posibilidade dun novo protagonismo nos lugares de traballo, de
estudo, onde medran a rabia polas decisións das forzas económicas
dominante, o rexeitamento das políticas de austeridade e a batalla
polos dereitos económicos, sociais e ambientais.
Naturalmente
esta proposta de compromiso e traballo vale para todas e todos, tamén
para nós, que queremos ser partícipes desta reconstrución do
movemento de masas e dunha esquerda forte, non queremos renunciar ao
proxecto complexo e redefinido de alternativa ao actual sistema
capitalista.
http://sinistracritica.org/2013/02/28/surrealismo-post-elettorale/
Partido
Democrático, final do partido
Giulio
Calella
“Con
esta clase dirixente non gañaremos nunca”. Nanni Moretti díxoo
fai algúns anos, pero esqueceuse diso xusto na véspera das
eleccións. Pero si o examinamos ben, “non gañar nunca” non é
unha característica específica de Bersani e d'Alema, senón que
forma parte da historia. A historia do gran Partido Comunista
Italiano, cuxos dirixentes non brillaron nunca pola súa coraxe e
audacia política.
Xa
en 1944, con Italia en desbandada e o exército partisano en mans da
esquerda, Togliatti decide frear os desexos revolucionarios dos
militantes da resistencia para dicir: “Quedos todos. Non debemos
facer a revolución. Basta coa progresiva democracia”. Decisión
dictada por Stalin, que se repetirá en xullo de 1948 logo da derrota
electoral de Abril, cando o atentado ao líder comunista produce unha
nova explosión social que nalgunhas zonas do país asume carácter
insurreccional. Pero chega puntual a orde do grupo dirixente do PCI.
Non se poden violar os acordos entre a URSS e Estados Unidos.
Con
todo esta fidelidade non se aforra da chamada “Conventio ad
excludendum”, pola que malia a renuncia á vía revolucionaria, o
PCI non pode considerarse unha posíbel forza democrática de
goberno. E convértese nun verdadeiro e auténtico complexo do seu
grupo dirixente. Nos anos setenta, sobre a ola das loitas sociais que
estalaron no país co 68, o PCI crece electoralmente chegando a ao
redor do 35%. Podería xogar a carta do goberno das esquerdas,
poñendo en minoría finalmente á Democracia Cristiá, pero esta vez
Berlinguer detenos.
Empeza
a época do “compromiso histórico” e dos gobernos da abstención,
co PCI fóra do goberno e actuando de muleta da Democracia Cristiá.
Berlinguer ten medo que Italia acabe como Chile, co golpe de estado
ao goberno de Allende. E así os comunistas perden unha ocasión
irrepetíbel para chegar ao goberno.
O
resto é a historia recente dos últimos vinte anos. O PCI convertido
en PDS (Partido Democrático de Esquerda), DS (Demócratas de
Esquerda) e despois PD (Partido Democrático) consegue finalmente
chegar ao goberno. Pero non se libera do complexo da “Conventio ad
excludendum”. Podería facer reformas de esquerda ata compatibles
co sistema, pero cre que ten que demostrar aos Estados Unidos que é
máis fiel á OTAN que a dereita, aos mercados que son máis liberais
que os liberais, ao Vaticano que é máis católico que os
democristianos.
Tanto,
que desta forma apoiaron as guerras en Kosovo e Afganistán, as duras
reformas estructurales do sistema de pensións, dar vía libre ao
traballo precario. Sempre chiscándolle un ollo á Igrexa, tanto que
nas últimas primarias Bersani coloca no seu Panteón ao papa Xoan
Pablo II, seguido polo seu outro competidor, Vendola, que en cambio
pon ao cardeal Carlo Maria Martini. Nunca deberon pensar que somos
comunistas...
Pero
na segunda metade dos anos noventa están no goberno e poden afogar
dun golpe a Berlusconi e ao seu conflito de intereses. Pero de novo
“Quedos todos”: D'Alema explica que con el se deben facer as
reformas institucionais. Unha vez máis no 2011 poden varrer a
Berlusconi chamando a votar logo do seu desastrosa caída, cos
sondeos dándolle un mínimo histórico e Grillo aínda non é tan
preocupante. Pero en cambio non, outra vez “Quedos todos”,
tranquilos os mercados. Chega o goberno Monti, en connivencia con
Berlusconi, ao que apoia nas máis duras políticas de austeridade,
pedindo á CGIL que non faga máis que unha hora de folga.
Con
todo están satisfeitos de levar o dote ao século XX, a partir da
gloriosa historia do gran Partido Comunista Italiano, as raíces
sociais, a hexemonía no sindicato e entre os intelectuais deste
país. En definitiva, de constituír o núcleo duro. Un electorado
forte e identitario, disposto a confiar na secretaría xeral do
partido, sexa cal for a decisión que tome pola causa.
Pero
mentres tanto cambia o mundo e a causa xa non é tan clara. A
violenta loita de clases desde arriba, feita polas grandes empresas e
poderes bancarios, se formaliza en leis dos gobernos que se alternan
desde 1994 ata hoxe, nos que o centro-esquerda con varias fórmulas
goberna durante 9 anos. Pero malia impoñer unha derrota ao movemento
obreiro, están convencidos de apoiar aos traballadores. Porque “Nós
somos a esquerda. E alén está Berlusconi”.
A
campaña electoral de 2013 é para dar o golpe, para 2dicir algo de
esquerdas”, como pedía sempre Nanni hai unha década. Se cadra non
un imposto sobre o patrimonio pero, quen sabe, polo menos a
tributación dos ingresos por encima dun millón e medio de euros
como Hollande en Francia. Non, “Quedos todos”, non se fan
promesas. Non fai falta, porque “Nós somos o PD”. A única
organización sen o nome do líder no símbolo. A única que
reivindica o modelo de partido do século XX, mentres os outros teñen
instrumentos propiedade privada dos seus líderes.
Só
se mantén do século XX o modelo organizativo, non as grandes
narracións nin as ganas de cambiar o mundo. Agora fai falta
exstionar o existente, dominado polos mercados. A política agora é
tarefa dos profesionais da política. A participación democrática e
directa dos cidadáns é, iso si, cousa do século XX. Desde o 2008
ata hoxe o Partido Democrático perde máis do 30% dos seus
electores, 3,5 millóns de votos. Pero non se decatan, creen que
gañaron.
Pero
de que o PD estase derrubando non se decata nin sequera a esquerda
radical, tamén en gran parte proveniente do PCI. Unha esquerda que
define sempre a súa propia identidade en relación, contraposición
ou alianza coa antiga “casa nai”. Coa que vai ao goberno aínda
que non comparte as políticas. Porque “Bo ou malo é sempre o meu
goberno”. Pero despois non entra no parlamento no 2008 tras
participar no goberno Prodi e en 2013 centra a campaña de Ingroia
nos intentos de alianza co PD, ata dicir que a derrota de Revolución
Civil é culpa de Bersani, que non quixo aliarse con eles.
Mentres
tanto o mundo segue aí fóra. Hai un mar aberto. Pero todos están
tan encerrados no seu barca que non se dan conta que chega un
tsunami. “Non hai ningún boom de Grillo”, dicía fai algún mes
o presidente Napolitano, analista sempre atento aos fenómenos
políticos. O tsunami envorca a barca e conclúe unha historia.
Agora, ou se nada no mar aberto ou se afogan definitivamente.
http://sinistracritica.org/2013/02/28/pd-finale-di-partito/
No hay comentarios:
Publicar un comentario