viernes, 8 de marzo de 2013

As mulleres non pagamos nin a crise nin a débeda do 1%



Declaración de Esquerda Anticapitalista ante o 8 de marzo 


Máis de catro anos despois de que estalase esta crise, e con todo o que pasamos desde entón, temos xa a certeza de que nos atopamos nun punto de inflexión no que está en xogo un cambio integral de modelo de sociedade. Non nos enganemos: o día que os grandes magnates das finanzas comuniquen oficialmente a acta de defunción da crise, as nosas vidas non volverán ser como as lembramos antes do 2008: nin os recortes nin os servizos públicos nin os ataques contra os dereitos das traballadoras nin os deus desafiuzamentos serán revertidos. Sabemos a estas alturas que a crise está proporcionando a coartada perfecta para a privatización da sanidade, da educación, dos servizos sociais e das pensións, así como para a maior flexibilidade do mercado laboral e do conxunto das nosas existencias. Sempre houbo razóns para a loita anticapitalista. Lamentablemente as de hoxe son moito máis numerosas que as de hai cinco anos.

Ler a crise exclusivamente en clave económica, laboral ou de servizos públicos, con todo, xa non é suficiente. Nunca o foi. Unha mirada feminista e anticapitalista ás mesmas móstranos que o noso traballo e a nosa loita deben ir moito máis alá. Empezamos a crise denunciando a invisibilidade dos impactos de xénero da crise, particularmente no que se refire ás dramáticas condicións laborais de moitas mulleres no Estado español. Despois pasamos a denunciar que os recortes nos servizos públicos, particularmente en Sanidade, Educación e Servizos Sociais, ademais de deixar a amplos colectivos sociais en situación moi vulnerábel, fan recaer de novo sobre as mulleres o coidado, o traballo e a responsabilidade que as administracións se están a quitar de enriba. Iso fixo que a carga global de traballo (que inclúe o asalariado e o non asalariado) das mulleres se multiplicara dende os inicios da crise. Dito doutro xeito, as mulleres non só teñen que traballar máis horas a cambio dun salario menor para poder manter ás súas familias, senón que deben coidar de todos e todas aqueles familiares con necesidades de coidado dos que o Estado se desfai como carga improdutiva e parasitaria. “Para que seguir pagando por servizos públicos que poden facer tranquilamente as mulleres na súa casa a cambio de nada?” Pregúntanse Mariano Rajoy e tódoloss seus compadres.

E iso lévanos a un terceiro momento de crítica feminista anticapitalista, no que (outros dos) nosos peores pesadelos se están a  facer realidade. O ano pasado o goberno do Partido Popular, en boca do seu ministro de xustiza Alberto Ruiz Gallardón, anunciou que pensa reformar a actual lei do aborto. Non só se propoñen eliminar o prazo de 14 de semanas durante o cal as mulleres poden efectuar unha interrupción voluntaria do embarazo senón que, ademais de anular a capacidade de decisión das menores de idade, pretenden eliminar o suposto de malformación fetal. Así é a dereita: mentres que destrúe os servizos públicos de apoio ás persoas en situación de autonomía restrinxida, prohibe que unha muller renuncie a dar vida a un ser que nunca vai ser autónomo nin autosuficiente e que só vai coñecer o sufrimento e a indiferenza da sociedade. O que supón xa unha ameaza plausible para a maioría dos mulleres, doutra banda, constitúe unha realidade para aquelas de orixe inmigrante en situación irregular, xa que, grazas aos paquetes de austeridade do goberno, dende o mes de setembro non poden acceder á Sanidade Pública nin para tratarse en caso de enfermidade nin para realizar unha interrupción voluntaria do embarazo. Sabemos á súa vez que o Partido Popular, no seu desmantelamento reaccionario do estado de benestar, pretende eliminar da rede da sanidade pública calquera prestación que teña que ver coa saúde sexual e reprodutiva das mulleres, e iso inclúe cuestións como o aborto ou a contracepción. Deste xeito, os xestores desta crise non só precarizan as vidas das mulleres mediante os seus ataques laborais e sociais senón que á súa vez, nunha nova volta de rosca, ameazan o seu dereito a decidir sobre os seus propios corpos e as súas propias vidas.

E a cousa non queda aí. Quen non recorda ao popular Javier Areans afirmando o 8 de marzo do ano pasado que o Goberno debe “recuperar os valores familiares que, dende que a muller traballa, se perderon”? Ou a Gallardón reivindicando que a maternidade fai ás mulleres verdadeiramente libres? Ou Castelao dicindo que, como as mulleres, as leis están para violalas?

Non só atacan os dereitos laborais e sociais de todas e todos senón que, no mesmo proceso, resucitan o ideal da muller submisa e coidadora, ideal que lles vai de perlas non só para arrebatar ás mulleres as súas liberdades senón tamén para facilitar a transferencia ás súas costas de apoio, servizos e coidados que, movementos como o sindical, o feminismo e o veciñal conseguiran que fosen públicos tras décadas de loitas. O que está en xogo, deste xeito, non son só unhas cantas reducións en prestacións e programas das administracións públicas. Con esta crise, así como coas batallas que plantemos ante ela, están en xogo dous modelos radicalmente distintos de sociedade. A deles, onde non quede nada por privatizar e onde os dereitos das mulleres, incluíndo o seu dereito a elixir, estean subordinados á lóxica do beneficio económico, a produtividade e a rapina. Ou a nosa, onde a Sanidade, a Educación, os servizos públicos e, en definitiva, o común, sexan xestionados de xeito colectivo, solidaria e xusta; onde todas as persoas teñan a oportunidade de elixir que queren facer dos seus corpos, das súas vidas, dos seus afectos, do seu traballo, do seu futuro. O 8 de marzo deste ano debe ser un paso máis na construción dunha alternativa feminista e anticapitalista ao modelo económico e social que nos impoñen; debe ser unha xornada de loita que abra fendas para máis loitas, máis profundas, máis inclusivas, máis unitarias e máis radicais; debe ser outro recordatorio da importancia e protagonismo do feminismo, porque é inadmisíbel que o 1% faga recaer o peso desta crise sobre as costas e os corpos das mulleres. Este 8 de marzo seguimos saíndo á rúa porque sen as mulleres se derruba o sistema e porque sen o feminismo a loita está incompleta.


No hay comentarios:

Publicar un comentario