viernes, 27 de abril de 2012

Comunicado de Esquerda Anticapitalista ante as manifestacións do 29 de abril e do 1 de maio


O GOBERNO VAI POR TODAS... NÓS TAMÉN!!

  • Cartaz do Partito Socialista
    Italiano para o 1º de maio
    en 1902
    RECORTES SEN FIN. En pouco máis de 100 días, o goberno do PP descargou unha auténtica batería de agresións contra a clase traballadora e a xente de abaixo: conxelación de salarios, pensións e salario mínimo; subida do IRPF; Reforma Laboral; durísimos recortes en sanidade e no ensino; suba brutal de taxas universitarias, etc. E isto é apenas o inicio. Na antesala, esperan unha nova suba do IVE, a “reforma” das prestacións por desemprego e unha lei de folga á medida da patronal. Namentres, Rajoy “cumpre” as súas promesas electorais: non sobe os impostos (ao capital e ás grandes fortunas), mantén as axudas (á banca, ás empresas e a Igrexa) e condona as débedas (aos que defraudan, coa amnistía fiscal). A patronal, pola súa parte, sen poder ocultar a súa satisfacción, apresurouse en aplicar a nova Reforma Laboral e incumprir sistematicamente as subas salariais pactadas nos convenios asinados antes da súa aprobación.


  • A POLITICA DO SHOCK… E DO PAO. O goberno, ainda que sabe de antemán que non logrará cumprir o obxetivo de déficit imposto por Bruxelas e de que esta política deprime a economía, destrúe emprego e instálanos na recesión, insiste reiteradamente nela, anunciando, un día si e outro tamén, novos recortes. Fronte ao amplo rexeitamento social, amparado na súa maioría electoral, permanece imperturbábel e aparentemente inmune á mobilización. Esta prepotencia estudada pretende desmoralizar á maioría social, disposta a se mobilizar contra desta política, enviando a mensaxe de que non hai máis alternativa que a RESIGNACIÓN. E para quen non se resigne, REPRESIÓN. En palabras de diversos responsábeis de Interior, o obxetivo da nova reforma do Código Penal é facer que a xente teña medo ao sistema.

  • O MEDO NUNCA CONQUISTOU DEREITOS. O 29M AMOSA O CAMIÑO. Pero como puxeron en evidencia a FX, as manifestación do 29 de Marzo, e máis a moi ampla oposición social aos recortes en numerosos sectores e Administracións Autonómicas, a pesar do difícil da actual situación, PODEMOS SUPERALA. Mais para que este potencial de resistencia social sexa quen de frear as agresións cómpre extender e ampliar o rexeitamento social ás políticas do goberno e convertilo en mobilización, opondo a lexitimidade da rúa á fraudulenta maioría absoluta do PP. É preciso manter a presión sobre o goberno con determinación, sen falsas ilusións e con claridade de obxetivos.Cómpre tecer un amplo acordo de unidade de acción entre todos os sindicatos que contribuíron ao éxito do 29M, capaz de pór en marcha un plan de mobilización, levado a cabo por sectores e sustentado no tempo, cuxo obxetivo sexa a derogación da Reforma Laboral e a fin dos recortes sociais. No inmediato, é urxente a convocatoria dunha xornada de loita estatal en todo a ensino e a unificación das movilizacións nas nacións e territorios do Estado cuxos gobernos están dispostos a aplicaren os recortes. Debe existir a vontade de incorporar e dar protagonismo nesta loita aos diferentes sectores sociais interesados en se incorporar a ela: estudantes, xente usuaria da sanidade, etc.

  • UN PRIMEIRO DE MAIO QUE HA SER O COMEZO. O presente 1º de maio debe ser o comezo de tal proceso. As diferentes convocatorias de mobilización que se foron sumando unha a unha para o mes de maio son a ocasión oportuna para sairmos á rúa con máis forza ca nunca: o 29 de abril contra os recortes en sanidade e educación; o 1º de Maio loitando polos nosos dereitos laborais; o 3 de Maio, durante o cumio do BCE en Barcelona, rexeitando as políticas antisociais da UE; o 12 e o 15 de Maio, volvendo a tomar as rúas, as prazas e o mundo, uníndonos ás movilizacións globais, que deben deixar ben claro que existen alternativas a esta crise, ás políticas neoliberais e, por suposto, ao capitalismo; a partir do 16 de Maio- e durante os seis días de Folga no Ensino convocados xa polas forzas sindicais -combatendo no País Valencià contra os recortes educativos e de servizos sociais do PP. Todas estas accións deberían tamén servir de preparación para unha nova FOLGA XERAL en todo o Estado, cuxa intensidade puidera ser cualitativamente superior á pasada do 29M. E sempre mantendo a perspectiva dunha convocatoria de paro xeral en toda Europa ou, polo menos, nos países máis afectados pola crise da débeda.

  • ALZARMOS A BANDEIRA DUNHA POLÍTICA ALTERNATIVA. As movilizacións han servir non só para pórmos en marcha un proceso de loita de longo alcance senón para alzarmos a bandeira dun programa de medidas alternativo ao neoliberal que inclúa puntos esenciais como a fin das políticas de recorte do gasto público para pasar ás de inversión e cara un modelo produtivo ecoloxicamente sustentábel; a nacionalización da banca; a reforma progresiva da fiscalidade; o non pagamento da débeda ilexítima; a recuperación do poder adquisitivo dos salarios, o mantemento de prestacións para a xente parada; e a recuperación e ampliación de todos os dereitos sociais, democráticos e políticos que están tentando arrebatarnos. Esta ha ser a nosa alternativa, QUE É PRECISO IMPOR.

ISTO SÓ É O COMEZO. ESTA LOITA SERÁ DURA E DIFÍCIL PERO IMOS GAÑALA!!



No hay comentarios:

Publicar un comentario