
O máis importante de todo, cecais, é o despertar que supuxo para unha xeración previamente despolitizada, que non viviu a transición nin se ve reflectida nunhas determinadas tradicións políticas. A necesidade de construír novas identidades enlázase cunha tarefa histórica: a construción dunha conciencia de clase, que confronte aos explotados cos explotadores, superando a idea falaz de que só este sistema é posible. O movemento 15M ten avanzado nese sentido, o cal reflíctese en frases como "somos o 99%". Para os anticapitalistas, o reto é que esa indignación se converta nunha alternativa crible, capaz de superar o Réxime actual.
Un dos prerrequisitos para acadar este obxectivo é construír unha fronte unida desde abaixo contra os recortes. Un paso previo que servirá para dotar de obxectivos concretos aos movementos sociais e trazar unha perspectiva estratéxica que non contemple a resignación como unha opción.
Da folga xeral do 29M o 12M: a necesidade de unidade.
A folga Xeral do 29M demostrou que existe vontade de loita tamén nos traballadores. Na Galiza , (particularmente en Vigo) , tivemos unha folga xeral de gran magnitude. Unha folga que foi mais alá do ámbito sindical, na que participaron mozos e mozas non sindicados, parados, etc.
Esta convocatoria global do 12M é unha moi boa ocasión para seguir avanzando na unidade dos movementos socias e sindicais, tanto na Galiza como no resto do estado. Incluso os movementos sociais convocantes da mobilización convidaron aos sindicatos a unirse ás manifestacións, a través de reunións cos dirixentes sindicais. Sen embargo, na cidade de Vigo os tres sindicatos maioritarios decidiron convocar unha manifestación o mesmo dia a mesma hora cós movementos sociais, en defensa do sector Naval (1). Parécenos un erro gravísimo, que evidencia a estreiteza de miras da burocracia sindical, que parece non querer entender que a unidade é un requisito imprescindible para derrotar os ataques neoliberais .Ademais, tamén e necesario comezar a considerar unha renovación do movemento sindical, que se adapte aos cambios operados na clase traballadora durante as ultimas décadas. É obvio que un sector da mocidade traballadora non se ve identificado cos sindicatos maioritarios, que representan aos sectores da clase traballadora máis tradicional (e non por iso menos importante): obreiros fabrís, funcionarios, etc. Evidentemente, iso transfórmase en concepcións e tradicións distintas, pero non necesariamente incompatibles.
Os sindicatos sofren ataques desde tódolos frontes: dende a dereita, pero tamén dende os movementos sociais , onde o concepto de "asindical" tornase moitas veces en "antisindical". Sen dúbida defenderemos aos sindicatos dos ataques da dereita, pero tamén reivindicamos a lexitimidade das criticas a súa política pactista, ao seu funcionamento antidemocrático, as súas rutinas, a súa incapacidade para saír duns determinados ámbitos laborais.
Dende Esquerda Anticapitalista queremos deixar claro todo o noso apoio as reivindicacions dos traballadores do sector Naval, un sector que é vangarda e emblema das mobilizacións da cidade de Vigo. Tamén queremos deixar claro que o noso obxectivo e superar tódalas divisións que se podan establecer artificialmente entre os sectores explotados.
Despois do 12M a loita continua: Autoorganización, confluencia e alternativas.
Esquerda Anticapitalista, dende o respecto a autonomía dos movementos sociais, chama a participar en tódalas mobilizacións que se celebren na Galiza. A situación é cada vez mais critica: a resposta debe ser igual de contundente. Esta mobilización é parte dun proceso máis amplo, que terá as súas alzas e baixas, pero que xa comezou. O 12M non remata nada: só é un novo comezo...
Por unha fronte única dende abaixo contra os recortes!
Tomemos as rúas, tomemos as prazas! Todo o poder para o 99%
(1) Os sindicatos minoritarios CUT, CXT, e CNT non asumen esta postura e participan na mobilización dos movementos sociais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario