martes, 15 de enero de 2013

#23F: Marea cidadá unida contra os recortes e pola democracia



Ante os recortes salariais, sociais e laborais, o desmantelamento dos servizos públicos, o rescate bancario con fondos públicos e o resto de políticas neoliberais, resulta necesario facer un chamamento a todas aquelas persoas que sofren a crise no seu día a día, ao 99%, a parar o Réxime o próximo 23 de febreiro.
 
As razóns para saír á rúa son máis claras e contundentes que nunca. A Unión Europea atópase en mans dos bancos e grandes empresas europeas, que están impoñendo políticas económicas e sociais favorables aos seus intereses: baixadas xeneralizadas de salarios para gañar “competitividade”; perda de dereitos laborais para facilitar o despedimento e a precariedade; desmantelamento dos servizos públicos para crear novos “nichos” de negocio para o capital; conversión da débeda dos bancos en débeda pública a costa do gasto social e público; retorno das mulleres ao traballo de coidados non remunerado e ao fogar; recortes nos dereitos democráticos e incremento da represión policial... Non poderemos soportar por moito tempo que unha de cada catro persoas non teña traballo, que máis da metade da mocidade permaneza sen emprego e, polo tanto, sen poder ter un proxecto de vida; e que en máis de 1.700.000 fogares todos os seus membros estean en paro. Non é posible seguir admitindo o desafiuzamento de quen non poden pagar a súa hipoteca, nin que máis do 20 % da poboación viva xa baixo o limiar da pobreza, cunha aceleración no caso das mulleres.

Os recortes golpean a todos os sectores populares da sociedade: o copago sanitario, os recortes en servizos sociais, dependencia e educación, e tamén nas pensións, a privatización dos bens e servizos públicos, a subida de impostos como o IVE. Asemade, a petición dun rescate que é inevitábel e os seus efectos: aumento da débeda pública, recorte brutal do gasto do Estado, pechadura de empresas públicas, despedimentos masivos no sector público e redución da masa salarial nas administracións públicas, etc. Todo ten un denominador común: non cargar a crise sobre os seus responsables, senón sobre quen non a provocaron. 

Estas medidas son aplicadas por todos os gobernos dos estados europeos que máis están sufrindo o xugo da débeda. Crebar o discurso e a política neoliberais da UE require unificar os obxectivos e a acción do conxunto da clase traballadora do continente por unha Europa dos pobos: rexeitar o pacto fiscal e a recapitalización bancaria con fondos públicos; reclamar unha auditoría cidadá sobre a débeda e negarse ao pago da que sexa ilexítima; instaurar un sistema fiscal progresivo que grave ás grandes fortunas, e combater a fraude, a evasión de capitais, a economía mergullada e a corrupción. Habemos de comezar a construír por abaixo unha fronte sindical, social e político contra os recortes e a austeridade que incorpore tamén as reivindicacións fundamentais, como a apertura dun novo proceso constituinte que poña a economía ao servizo da maioría social, devolvendo a soberanía ao Pobo, onde se contemple o dereito a decidir das nacións do Estado español.
Por todo iso, necesitamos construír unha gran marea cidadá que aglutine á clase traballadora, a estudantes, á xente xubilada, parada, inmigrante, á mocidade traballadora e ás amas de casa de todas as cidades do Estado español a participar activamente nas manifestacións que terán lugar o día 23 de febreiro. Porque só desta forma poderemos empezar a frear as políticas neoliberais que son un ataque frontal contra o 99% da sociedade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario