viernes, 25 de enero de 2013

Ante a declaración de soberanía aprobada polo Parlament de Catalunya

Comunicado de Revolta Global - Esquerra Anticapitalista

Cartaz de RG cara á histórica
manifestación da Diada de 2012

A declaración de soberanía aprobada o pasado mércores día 23 polo Parlamento de Catalunya supón un paso cara á convocatoria da consulta sobre a independencia de Catalunya que a maioría da poboación reclamou na rúa o pasado 11 de setembro e nas urnas o pasado 25 de novembro. O goberno de CiU e ERC, aínda así, ten unha axenda propia na que busca utilizar a consulta e o exercicio do dereito a decidir en beneficio propio, instrumentalizando a cuestión nacional para tapar a política de recortes, para evitar desgastarse entre a súa base social, e para impoñer a súa política económica obediente á Troika e aos 'mercados'.

Neste escenario temos un dobre reto por adiantado: primeiro, garantir que a consulta se celebre, mantendo a presión social para que o goberno de CiU e ERC non se bote atrás e as manobras represivas do goberno de Rajoy coa complicidade do PSOE non consigan parala; segundo, evitar que CiU e ERC a capitalicen en beneficio propio e da súa política económica.

Hai que conseguir que o exercicio da consulta permita abrir un proceso democratizador de todas as esferas da sociedade. O primeiro paso para facelo é relanzar as loitas contra os novos recortes e as políticas de axuste que nos caerán os próximos meses da man do goberno de Mas, do de Rajoy e da Troika. Ao mesmo tempo, o conxunto da esquerda social e política, dos movementos sociais, sindicais, veciñais... teñen que ter tamén unha política de intervención activa no debate sobre a consulta e sobre a independencia, e non deixar que a iniciativa se quede en mans de Mas e Junqueras. É necesario articular un amplo polo social e cidadán favorábel á consulta e contrario á política de recortes o máis amplo, unitario e forte posible.


A aceptación das regras de xogo da UE e da Troika por parte do goberno de Mas baleiran o exercicio do dereito a decidir. Unha independencia tutelada pola Troika será unha soberanía sen contido ao servizo do 1% e non do 99%. O caso de Grecia é moi claro. A soberanía real implica unha ruptura coas políticas de austeridade e coa submisión neocolonial á Troika. A consulta sobre a independencia non pode asociarse á aceptación das regras de xogo dunha UE que, máis que dar liberdade e soberanía aos pobos, arrebátalla en favor dos intereses da minoría financeira.

Queremos unha consulta onde o pobo de Catalunya poida decidir sobre a independencia e sen condicionantes económicos internacionais. Pero o dereito a decidir non se ten que limitar a iso. Fai falta dedicir sobre todo aquilo que afecta as nosas vidas e aproveitar o potencial democrático que abre o debate sobre a consulta para 'desbordar' o dereito a decidir e ampliar a reivindicación de decidir ao terreo da política económica, da política internacional e exterior, dos dereitos de cidadanía, do modelo alimentario, do dereito ao propio corpo...Catalunya necesita un proceso constituínte que permita discutir que modelo de sociedade e que marco institucional ten que ter unha nova República Catalá. Un proceso constituínnte propio que pode ser un elemento decisivo para contribuír tamén ao derrube do Réxime de 1978 ao conxunto do Estado español, así como para permitir que o potencial democratizador aberto en Catalunya se estenda ao conxunto dos Països Catalans, ao País Valencià e nas les Illes.

A nosa é unha aposta en favor dunha Catalunya polo 99%, en favor dos intereses da maioría, onde ningunha persoa sexa discriminada en virtude do seu xénero, etnia, opción sexual, cultura ou relixión, e solidaria co resto de pobos de Europa e do mundo. Para conseguilo non temos que ir a remolque de Mas e Junqueras, senón desbordalos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario